O 13 e 14 de febreiro na Facultade de Comercio e na sede da Deputación en Vigo
Un cento de participantes, 16 equipos, 24 xuíces … conta atrás para o IV Torneo Nacional Retórica UVigo
'Fortalece o auxe das microidentidades a cohesión social?' é o tema de debate elixido
Equipos de 14 universidades públicas e privadas, dunha escola de negocios e dun club de debate mediran as súas habilidades estes próximos venres e sábado (13 e 14 de febreiro) no IV Torneo Nacional Retórica UVigo, que elixirá o ou a mellor oradora, o equipo campión e o Dream Team. Compatibilizándoa cos seus estudos, sete dos 23 membros que integran este curso a Asociación Retórica da UVigo encárganse da organización do torneo, que tamén está a sufrir os problemas no transporte, derivados da adversa climatoloxía e os recentes accidentes ferroviarios en Andalucía e Cataluña. “Aínda así é moi gratificante ver como todo o mundo goza co torneo e poder entregar a praza para a Liga Nacional de Debate Universitario”, explica Uxía Juiz, presidenta do equipo, ao que chegou logo de participar nunha xornada de portas abertas celebrada o ano pasado.
As universidades Pontificia de Comillas, Carlos III, Alicante, Zaragoza, País Vasco, A Coruña, Pontificia de Salamanca, Pública de Salamanca, Valladolid, Santiago de Compostela, Antonio de Nebrija e Vigo, xunto ao Esade de Barcelona e o Cunef de Madrid estarán representadas no torneo, que contará cunha vintena de xuíces de universidades de toda España. A competición comezará o venres ás 15.00 horas na Facultade de Comercio da UVigo con cinco roldas de debate, correspondentes á fase de grupos. Desa fase, oito equipos pasarán a cuartos de final, que se decidirán mediante o sistema suízo e as semifinais e a gran final terá lugar na sede viguesa da Deputación de Pontevedra.
Tema de debate e expectativas de Retórica UVigo
Fortalece o auxe das microidentidades a cohesión social? é o tema sobre o que debaterán os equipos que participan na cuarta edición do torneo que organiza a UVigo. “A verdade é que preguntamos ao resto de asociacións que tipo de temática lles gustaría tratar e moitos pedíronnos unha temática social. Ademais, ao celebrarse en San Valentín, sempre se agradece un debate centrado nas relacións interpersonais”, explica Uxía Juiz.
A presidenta da asociación de debate da UVigo non competirá este venres e sábado no torneo de Vigo, onde serán os seus compañeiros Zaida González, Lucas Martínez, Arturo Canosa e Raquel Senín, todos estudantes de ADE e Dereito, as e os encargados de representar á institución académica viguesa. “A verdade que foi un ano cheo de cambios. Mudou toda a xunta directiva, os membros de anos anteriores retiráronse, deixándonos o listón moi alto, non obstante fixemos todo o posible por continuar coa asociación que tanto nos deu e, algún día, ser coma eles”, explica a presidenta.
Unha vintena de membros dun amplo abano de titulacións
Comercio, Tradución e Interpretación, Ciencias do Deporte, ADE ou Dereito son os graos que cursan algunhas e algúns dos integrantes da Asociación Retórica da UVigo nun ano no que están a realizar un especial esforzo na captación , “xa que cremos que mellorar en debate e oratoria, aínda que non sexa en formato competición, sempre é útil en calquera rama do saber”, considera a presidenta da asociación, que cuaifica como “unha honra” que confiasen nela para ocupar o cargo, que compatibiliza cos seus estudos de segundo curso do Grao en Comercio e a súa participación no equipo que compite por toda España pola praza LEDU e que completan Martín Llach e Martín Álvarez.
Desde a súa experiencia persoal, Uxía Juiz explica que sempre lle gustou falar sobre todo tipo de temas, polo que se decidiu a apuntarse na asociación para probar. “Ese ano non eramos moitos. Os que iamos a torneos empezamos sendo catro e logo tres e aínda así fomos a sete competicións, incluída da LEDU e iso, realmente forxou a nosa amizade e tamén a relación cos nosos formadores”, explica Juiz, que considera que a frase que di todo debatinte se cumpre totalmente: “do único que te arrepintes cando entras en debate é de non empezar antes”.
