DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo será o centro neurálxico da celebración da efeméride o 27 de marzo 

Centos de escolares de Galicia e do norte de Portugal participarán nunha xornada de radio e patrimonio co gallo do 25 aniversario de Ponte…nas ondas! 

Santiago, Braga, Ponteareas ou Chaves tamén acollerán emisións protagonizadas polo alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/02/2020

Hai un cuarto século botaba a andar a asociación Ponte…nas ondas! (PNO!) co obxectivo de difundir e poñer en valor entre o estudantado en particular , pero tamén entre a sociedade en xeral, o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Valéndose dos medios de comunicación, en especial da radio, PNO! foi quen neste cuarto de século de construír unha rede de máis dun cento de persoas e institucións que abranguen de Santiago de Compostela a Monçao, pasando por Vigo, As Neves, Caminha ou Tomiño. Acreditada pola UNESCO no ano 2016 como única organización galega consultora para o patrimonio cultural inmaterial; impulsora da publicación de varios libros e premiada polo seu labor por organismos europeos, españois e portugueses, Ponte…nas ondas! celebrará o longo deste ano o seu 25 aniversario cunha serie de actos, que comezarán o 27 de marzo nunha xornada de radio e patrimonio, protagonizada por escolares de máis de medio cento de centros de Galicia e do norte de Portugal.

“Nestes 25 anos o traballo foi ímprobo, pero os resultados están á vista. Somos unha entidade con prestixio, recoñecida, non só institucionalmente cos premios que recibimos, senón que somos moi ben valorados entre profesores e profesoras das escolas ás que propomos actividades. No capítulo de debe tamén poderiamos apuntar cousas, pero ollando en conxunto non podemos por menos que sentirnos moi orgullosos do traballo realizado”, sinala Xerardo Feijoo, secretario de PNO!, que este mediodía participou, xunto o presidente da asociación, Santiago Veloso, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, na presentación dos actos de celebración dos 25 anos de PNO! “Estes 25 anos son un motivo de alegría”, asegurou Santiago Veloso, que confirmou que as celebracións se prolongarán ao longo de todo ano, comezando o vindeiro 27 de marzo “cun gran maratón radiofónico cheo de sorpresas, conexións con diferentes puntos de Galicia e Portugal e con actuacións de artistas como Magín Blanco, Dulce Pontes, Susana Seivane, Uxía, ou Xurxo Souto”.

22 lugares de emisión repartidos por toda a eurorrexión con epicentro na UVigo

A sala I do edificio Miralles do campus de Vigo converterase o 27 de marzo no epicentro da xornada que marca o inicio das celebracións do 25 aniversario de PNO! Entre as 10.00 e as 14.00 horas desenvolverase unha programación radiofónica en directo protagonizada por estudantes de centros educativos de Vigo e comarca, que incluirá actuacións en directo como a de Magín Blanco e a de Mª José Perez. Máis de medio cento de centros educativos, así como representantes das universidades de Vigo, Santiago e Tras-Os-Montes participarán nos programas que esa xornada se desenvolverán desde unha vintena de lugares de emisión repartidos por toda a eurorrexión, ademais dos programas que serán realizados nos propios centros educativos.

Pola súa banda, na Facultade de Xornalismo da USC desenvolverase unha programación especial na que participará estudantado do centro, así como de CEIPs e IES de Santiago, e que inclúe unha mesa redonda sobre o patrimonio común galego-portugués, na que tomarán parte o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o membro da Associaçom Galega da Língua (AGAL) Carlos Quiroga. Así mesmo, a Radio Universitaria do Miño en Braga realizará unha emisión especial con escolas do municipio e músicos da rexión do Minho, un formato que tamén se reproducirá no auditorio municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas, no auditorio municipal de Chaves, e en distintas emisoras galegas e portuguesas como Radio Piratona, Radio Redondela, Rádio Montealegre, Rádio Afifense, Radio Caminha, Onda Cero Monforte, Cadena SER Carballiño, Radio Feneou Radio Vale do Minho. 
Ademais das emisións radiofónicas, ao longo da xornada un equipo de profesionais desprazarase aos distintos estudos de radio e lugares de realización dos programas para gravar as emisións e colaboracións musicais coa finalidade de elaborar un documental que amosará a actividade desenvolvida ao longo do día.

Un concepto descoñecido que se puxo na axenda e o uso da radio como ferramenta pedagóxica

Ao longo dos 25 anos de existencia de Ponte…nas ondas!, os responsables da asociación destacan entre os que consideran os seus principais logros ser quen de poñer na axenda da sociedade e que todo o mundo saiba cal é o significado de patrimonio inmaterial. “Cando nos anos 90 empezamos a falar de patrimonio inmaterial era un concepto descoñecido que a cotío tiñamos que explicar e divulgar entre institucións, xornalistas, mestres e mestras e público en xeral. Dende entón mercede ao noso traballo puxémolo na axenda da sociedade e hoxe todo o mundo sabe cal é o significado desas palabras”, sinalan Feijoo e Veloso.

A extensión que nos últimos anos se está a facer nas escolas da utilización da radio escolar como ferramenta pedagóxica e didáctica, é segundo os responsables de PNO! outro dos logros que consideran que acadaron ao longo destes anos, nos que, pola contra, lamentan “tropezar moitas veces coa falta de comprensión e sensibilidade por parte de determinadas institucións ás que lle solicitamos calquera tipo de axudas sen obter nada”, lamentan.