DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal facilita aos estudantes o acceso ao museo virtual universitario

Con dous postos na EU de Enxeñaría Técnica Industrial e Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI DUVI 14/11/2007
Dentro do programa de actividades da Semana da Ciencia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), facilitará aos estudantes da Universidade de Vigo o acceso ao seu museo virtual universitario.
As consultas poderán realizarse mediante dous stands na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial e na Facultade de Belas Artes. O CEER pretende deste xeito dar a coñecer a web deste museo virtual e as potencialidades desta ferramenta dixital. Os que se acheguen a estes postos terán á súa disposición ordenadores para realizar as consultas ao longo da xornada deste mércores na EU de Enxeñaría Técnica Industrial en Torrecedeira de 9 a 20 horas e o venres 16 na Facultade de Belas Artes co mesmo horario.
A creación deste museo virtual universitario está enmarcada no proxecto europeo Campus en Rede e pretende aglutinar recursos on line de temas tan diversos como historia natural ou patrimonio cultural e científico universitario que van dende a arquitectura, pintura, escultura ou louza ata contidos zoolóxicos ou botánicos. Deste xeito, os visitantes poderán coñecer as fichas de numerosos recursos museísticos das seis universidades pública galegas e do norte do Portugal que conforman estes Centro de Estudos Eurorrexionais.

Primeiro número da revista científica do CEER

Entre as finalidades da fundación CEER está o promover e estimular unha produción científica común na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para suplir a ausencia dun publicación especializada neste ámbito xeográfico e de contido, o CEER presentou este martes en Santiago o primeiro número da súa revista científica Estudos Eurorrexionais.
Esta publicación é o froito do traballo conxunto dun consello editorial no que toman parte profesores destas seis universidades e membros da comunidade científica e prestixiosos persoeiros dos dous países. O obxectivo é servir de instrumento de transmisión de información e documentación a todos os membros da comunidade universitaria, tanto a profesores como investigadores e estudantes.
A revista estrutúrase en tres grandes áreas temáticas: desenvolvemento rural e urbano, novas tecnoloxías e cultura e idioma.