Realizado por Alberto Vaquero (UVigo) e María Bastida e Miguel Ángel Vázquez (USC)
O Centro de Estudos Financieros premia un traballo sobre o emprendemento sostible e equitativo
Nel analizan como o xénero inflúe na intención de emprender e na elección do modelo empresarial
Cando a misión pasa a ser propósito: medidas para un emprendemento sostible e equitativo. Este é o título dun traballo realizado polos profesores Alberto Vaquero (Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense) e María Bastida e Miguel Ángel Vázquez Taín (Universidade de Santiago de Compostela) que acaba de ser galardoado polo Centro de Estudos Financieros. A súa investigación acadou o primeiro premio dos Premios Estudios Financieros 2024 que concede esta entidade na temática de contabilidade e sostibilidade. Nel ofrécese “unha visión integral sobre como as diferenzas de xénero inflúen tanto na intención de emprender como na elección de modelos empresariais, subliñando a importancia de adaptar as políticas de apoio ao emprendemento segundo o xénero”.
Os autores e autora do traballo recolleron o seu galardón este martes pola tarde na gala de entrega de premios celebrada en Madrid, destacando que “non podemos estar máis satisfeitos e agradecidos” por este recoñecemento. O estudo aborda “as diferenzas de xénero no emprendemento, explorando como as motivacións que poida ter cada persoa e as barreiras e facilitadores que perciben poden influír na intención emprendedora” e destaca “o papel crave que xogan os modelos de Economía Social e Solidaria (ESS) na preferencia das mulleres por emprender a través de empresas que promovan un enfoque máis sostible”.
Barreiras, facilitadores e preferencias
O traballo galardoado articúlase en dous estudos. O primeiro analiza as diferenzas de xénero no emprendemento en xeral, explorando como homes e mulleres vense motivados e afectados por barreiras e facilitadores á hora de iniciar un negocio. “Este primeiro estudo revela que as mulleres tenden a estar máis motivadas por factores de atracción, como a flexibilidade e a aliñación dos seus proxectos empresariais coas súas necesidades persoais, mentres que os homes vense principalmente impulsados pola necesidade económica e a procura de ingresos”, indican os autores e autora. Ademais, o estudo “resalta que as barreiras, como a burocracia e a falta de apoio financeiro, afectan máis ás mulleres, o que pon de relevo a importancia de políticas que aborden estas dificultades”.
O segundo traballo céntrase especificamente na Economía Social e Solidaria, destacando que as mulleres perciben unha maior aliñación cos principios destas organizacións, como a sostibilidade e o benestar social. “Atopamos que as emprendedoras tenden a preferir modelos empresariais que prioricen o valor social, mentres que os homes mostran unha visión máis crítica de como estes modelos se axustan ás súas necesidades empresariais”. Este segundo estudo conclúe que, para fomentar o emprendemento na ESS, “é necesario un enfoque sensible ao xénero que integre medidas tanto para superar as barreiras como para potenciar os recursos persoais, especialmente no caso das mulleres”.