DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca de Belas Artes acolle unha intervención da profesora Almudena Fernández Fariña

O Centro de Estudos Fotográficos rememora a súa traxectoria editorial no lugar onde naceu a súa colección contemporánea

Trátase da primeira de diferentes creacións que empregan os libros da serie ‘Do trinque’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/05/2021

Un traballo realizado para unha materia por Rut Massó en 1994, cando era alumna de Belas Artes, serviu como xerme para que o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), que o profesor da facultade Manuel Sendón coordina xunto con Xosé Luis Suárez Canal, súmase unha colección de fotografía contemporánea, Do trinque, á súa produción editorial. Despois de que o CEF puxese fin á súa actividade como editora, este proxecto retorna ao centro no que naceu esta colección da man da intervención artística Foi iso, que a profesora da facultade e alumna, ao igual que Massó, da primeira promoción do centro, Almudena Fernández Fariña levou a cabo con exemplares sobrantes desta serie. Trátase ademais da primeira das accións do proxecto Cabodano. II Andaina, co que o CEF rememora a súa traxectoria editorial convidando a unha serie de artistas a que produzan obras a partires dos libros desta colección.

Para abrir este proxecto, Fernández Fariña construíu cunha serie de exemplares unha intervención que espalla por diferentes puntos da biblioteca a frase “foi iso”, tomada do ensaio A cámara clara, do filósofo Roland Barthes, que alude con esas verbas “a un trazo esencial da fotografía como algo que estivo presente pero desapareceu xa”. Realizada coa cortadora láser da facultade, a obra céntrase nesa “idea da memoria, que é algo intrínseco á propia fotografía”, como recoñece a artista e docente, que buscou que a súa intervención se valese do mobiliario “para integrar os libros no propio espazo da biblioteca”, á vez que empregou as dúas partes resultantes do cortar os volumes coas letras da frase, “coa idea de xogar co positivo e o negativo”, facendo referencia á fotografía analóxica. “Parecíame que representaba moi ben a idea dunha colección que xa rematou a súa actividade e que aínda que non está presente, garda a súa memoria neste libros”, engadiu Fernández Fariña dunha intervención que se complementa coa invitación aos os ás visitantes a que leven consigo un dos libros sobrantes que se presentan ao seu carón.

Pechando o círculo

“É como un peche do círculo”, engadía a autora desta intervención na súa presentación este luns, na que lembrou que Do trinque naceu do propósito de Sendón de publicar un traballo nacido nas aulas no seu primeiro ano como profesor da facultade, para agora rememorar a traxectoria deste proxecto no seu último ano como docente, antes de pasar á xubilación. “A vinculación desta colección coa facultade é total”, recoñecía Sendón, que explica que Do trinque naceu co propósito de establecer “un diálogo entre o propio o universal, entre o emerxente e o consolidado”. Deste xeito, esta colección dedicada a autores e autoras contemporáneos iniciou a súa andaina coa publicación de Cartas á fisgona de Massó e cun volume dedicado ao fotógrafo polaco Wojciech Prazmowski, para reunir ao longo da súa traxectoria un total de 22 títulos, once deles dedicados a artistas galegos, “dez deles vinculados á facultade”.

Despois de que o CEF interrompese en 2016 a súa actividade editorial, trala publicación de 44 libros, os seus responsables, explica Sendón, optaron por ceder a diferentes artistas unha serie de volumes sobrantes co propósito de que producisen obra con eles. Foi así como naceu, en 2019, a exposición Cabodano do traballo editorial no Centros de Estudos Fotográficos, que reunía as creacións da artista e docente da facultade Ana Soler, do egresado de Belas Artes Fran Herbello e o premio nacional de fotografía Joan Fontcuberta. Tras esta iniciativa, para o proxecto Cabodano. II Andaina foron convidados un total de 15 artistas, “moitos deles vinculados tamén á facultade”, como é o caso dos docentes Ignacio Pérez-Jofre e Mar Caldas ou o alumno de doutoramento Juan Fontaíña. “Chamámoslle cabodano, porque co paso do tempo a dor vai diminuíndo e deixando paso á memoria”, salienta Sendón dun proxecto ”sobre a memoria e sobre a morte”, que ademais de lembrar a traxectoria do CEF busca “que esta colección poida tamén ser un punto de referencia para o futuro”.