DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades arrancaron este xoves cunha xornada específica sobre xénero e ciencia

O Centro de Investigación Mariña marca a súa propia folla de ruta na promoción da igualdade

O encontro contou coa participación das expertas Capitolina Díaz e Águeda Gómez

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/03/2022

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, está decidido a marcar a súa propia folla de ruta na promoción da igualdade. Fíxoo constituíndo hai xa varios meses a súa propia Comisión de Igualdade, presidida pola profesora e investigadora Ana Bernabeu, un primeiro paso ao que agora lle seguirán outros como a posta en marcha de diferentes grupos de traballo dirixidos, entre outros aspectos, a identificar os principais retos deste centro en materia de xénero nun horizonte a curto e medio prazo. Así se explicou este xoves na Xornada Promoción da Igualdade no CIM, unha xuntanza celebrada no edificio Miralles e na que se contou coa participación, entre outros, do reitor, Manuel Reigosa; o director do CIM, Daniel Rey, e as expertas en xénero, Capitolina Díaz, da Univèrsitat de Valencia, e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

“Dentro da Universidade de Vigo o CIM é pioneiro en crear esta comisión específica sobre igualdade, algo que agora tamén se está a pór en marcha desde outros centros e que constitúe unha medida que, desde o noso punto de vista, é fundamental”, explicou Bernabeu na apertura dun encontro aberto á comunidade universitaria e que tamén puido seguirse en directo a través de UVigo TV. “O noso principal obxectivo é promover un compromiso ético en liña cos obxectivos do desenvolvemento sostible e promover a igualdade na carreira científica no marco do selo europeo HDR”, apuntou Bernabeu, ao tempo que fixo fincapé en que para logralo se está a traballar estreitamente coa Unidade de Igualdade da propia Universidade.

Con preto de 40 asistentes, maioritariamente vinculadas ao propio CIM, a xornada organizouse en dúas partes. A primeira, aberta á participación de toda a comunidade universitaria, contou coas intervencións de Capitolina Díaz e Águeda Gómez, e a segunda dedicouse exclusivamente ao persoal do CIM e centrouse en organizar os grupos de traballo que se porán en marcha de cara a coñecer a realidade do centro e, sobre todo, a delimitar que accións se queren impulsar para lograr avanzar no camiño da igualdade real.

Non chega con mencionala, "a igualdade hai que promovela de maneira efectiva”

“As agullas empregadas para pór as vacinas anticovid están pensadas para a musculatura masculina, pero, polo momento, ninguén se preocupou en saber se son tamén axeitadas para as mulleres, cun tecido adiposo moito máis graxo que o dos homes”. Con este exemplo tan básico e sinxelo, Capitolina Díaz, catedrática de Socioloxía, especializada en Socioloxía da Educación e Socioloxía do Xénero exemplificou, a que fora primeira directora da Unidade de Mulleres e Ciencia do Ministerio de Educación e Ciencia e ex-directora xeral para a Igualdade e o Emprego do Ministerio de Igualdade, a importancia de que a ciencia e a investigación se realice con perspectiva de xénero. “Apoiar a igualdade de xénero na ciencia e nas políticas de recursos humanos é hoxe unha obriga legal, xa non son aceptables organizacións que discriminan e xa non chega tampouco con enunciar a igualdade, hai que promovela de maneira efectiva”, recalcou a experta, ao que engadiu que “cada vez é máis importante e máis necesario para calquera institución que se prece minimamente promover estas cuestións”.

A súa intervención xirou en torno a tres grandes aspectos. Dunha banda, a igualdade como imperativo legal, achegando ás persoas participantes á normativa, tanto europea como española, e facendo fincapé en que “xa hai anos que deberíamos estar cumprindo cousas que aínda non cumprimos”, algo que, desde a súa opinión, axudará a mellorar a nova Lei de Investigación que xa aprobou o Consello de Ministros e que, en breve, chegará tamén ao Congreso dos Deputados. “Estou segura que esta lei impulsaranos moito máis cara a igualdade”, considerou Díaz. Por outro lado, falou tamén sobre como investigar con perspectiva de xénero, algo que non sempre é doado pero que, desde o seu punto de vista, é básico. “É facilmente entendible que haxa que cumprir cotas, que o número de homes e mulleres debe ser similar nos equipos de investigación, pero non é tan doado explicar como abarcar a investigación, sexa a temática que sexa, desde a perspectiva de xénero, e esa é, pola contra, a parte máis importante”.

Como terceiro eixe temático da súa charla a experta afondou na necesidade de conseguir unha cultura institucional que sexa sensible ao xénero, é dicir, “que cada centro de investigación sexa consciente de que ten un persoal variado e actúe de acordo con esa realidade”.