DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha forte aposta polo chinés, do que tamén haberá talleres gratuítos

O Centro de Linguas abre a matrícula para o novo curso

A maior parte dos idiomas ofertarán distintos niveis (inglés, alemán, francés, portugués...)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/07/2018

Inglés, francés, alemán, español para estranxeiros, portugués, chinés e persa. Esta é a nova oferta formativa do Centro de Linguas da Universidade de Vigo para o vindeiro curso académico, unha programación para a que xa se abriu o período de matrícula e na que poderá anotarse calquera persoa interesada, sexa ou non comunidade universitaria. No 2017-2018 formáronse no centro máis de 1900 persoas e a intención é superar estas cifras.

A gran novidade do curso 2018-2019 é a forte aposta polo idioma chinés, unha opción pola que se vén apostando desde que o pasado mes de febreiro a Universidade asinase un convenio coa Universidad de León que dotaba á institución académica viguesa dunha Aula Confucio, a primeira en abrirse fóra da comunidade de Castela e León. Neste senso, haberá un curso anual e, a maiores, ofertaranse tamén un par de talleres gratuítos ao inicio do curso. 

Xunto á introdución do chinés, desde o Centro de Linguas destacan tamén como novidade a organización dun curso semi-presencial de alemán nivel B1 e a convocatoria dun curso de francés intensivo deste mesmo nivel no primeiro cuadrimestre, de xeito que o alumno/a poida acreditar o seu nivel na convocatoria CertAcles de xaneiro.

Ampliación de horarios e dos lugares nos que se imparten os cursos

Desde a Fundación Universidade de Vigo, entidade da que depende o Centro de Linguas, destacan que se está a facer un esforzo importante por ampliar os horarios e lugares nos que se imparten os cursos, de xeito que poida atenderse ao maior número de usuarias e usuarios. A este respecto salientan que o curso que vén, ademais de nos tres campus –incluídas as instalacións de Torrecedeira- e o Conservatorio Superior de Música de Vigo, haberá tamén cursos de inglés na Escola de Maxisterio CEU de Vigo.

A oferta formativa inclúe tanto cursos anuais, que se prolongarán ata maio de 2019, como cuadrimestrais, que rematan en decembro. A duración dos anuais é de 110 horas e o prezo deste tipo de cursos é de 429 euros para a comunidade universitaria e 520 para o público en xeral, mentres que no caso dos cuadrimestrais, de 55 horas, a persoa que se matricula pagará 215 euros se pertence á comunidade universitaria e 260 euros o resto de interesados/as. “Son as mesmas taxas que se levan aplicando ao longo dos últimos cinco anos”, recalcan desde a dirección da Fundación Universidade de Vigo.

 Exames de acreditación

Ademais da súa oferta formativa o CdL está consolidado tamén como centro acreditador e, se ben de momento o calendario de exames aínda non está pechado, si poden adiantar que haberá convocatoria CertAcles –acreditación propia equivalente a outras  existentes como as emitidas por Cambridge ou TOEFL e que é recoñecida por todo o sistema universitario europeo- en xaneiro e maio; varias convocatorias de TOEFL e DELE –neste último caso está o primeiro exame será o 14 de setembro- e tamén de HELA proba de acreditación específica dirixida ao profesorado que vai impartir a súa docencia en lingua inglesa. A maiores e por primeira vez, estase tamén a organizar o primeiro exame oficial de chinés para finais de curso.

Matrícula aberta ata o 20 de setembro

As persoas interesadas en consultar toda a oferta de idiomas e niveis que ofrece o Centro de Linguas nos tres campus pode facelo a través da súa web, onde tamén atopará os detalles sobre a duración, prezos ou lugar no que se imparte cada un dos cursos. O prazo para matricularse manterase aberto ata o  xoves 20 de setembro e, a partir de entón, celebraranse xa as diferentes probas de nivel.