DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrécense cinco idiomas: inglés, francés, alemán, italiano e portugués

O Centro de Linguas abre o prazo de matrícula para os cursos intensivos de verán

Ata o día 6 poden solicitarse as bolsas para a matrícula

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 24/04/2019

Como vén sendo habitual, durante os meses de xuño e xullo, o Centro de Linguas da Universidade organiza cursos intensivos, de entre dúas e oito semanas de duración, para que tanto a comunidade universitaria como a cidadanía en xeral poidan aprender ou mellorar a súa competencia en idiomas estranxeiros e, ademais, español para que o estudantado foráneo poida mellorar o seu nivel no idioma. 

Para este período estival ofertaranse cursos de cinco linguas: inglés, francés, alemán, italiano e portugués, ás que se engade tamén a docencia de español para estranxeiros. O prazo de matrícula está xa aberto para estes obradoiros intensivos, para os que, ademais da formación xenérica, fíxanse obxectivos para acadar un nivel de lingua, orientado, sobre todo, á formación do estudantado que ten previsto participar en programas de mobilidade e que quere aproveitar o inicio do verán para pórse ao día no idioma do seu país de destino. 

Para facilitar a participación da comunidade universitaria nestes cursos do Centro de Linguas, a Universidade pon en marcha, por segundo ano consecutivo, unha convocatoria de bolsas que poden solicitarse ata o día 6 de maio. 

Un calendario intensivo

A duración dos cursos, que darán comezo no mes de xuño, vai entre as dúas e as oito semanas e terán lugar no campus de Vigo, agás os intensivos de inglés, que tamén se ofertan nos campus de Pontevedra e Ourense. Os alumnos e alumnas que se matriculen nos distintos idiomas agruparanse en diferentes horarios, ben de mañá ou ben de tarde, que variarán segundo o nivel e a lingua que elixan. 

O idioma con máis opcións para escoller é o inglés, que contará, no campus de Vigo, cun grupo para o A2 (do 10 ao 28 de xuño) e con varias datas a elixir para os niveis B1 e B2 (do 3 ao 28 de xuño ou do 1 ao 26 de xullo en ambos casos). Ademais, nos campus de Pontevedra e Ourense, ofértase un obradoiro de  B1 entre o 1 e o 26 xullo. 

A maiores do inglés, ofértanse distintas opcións nos restantes idiomas.  Deste xeito, en italiano, contarase cun grupo para o intensivo do A1, que se impartirá do 3 ao 21 xuño, e outro para o obradoiro do A2, cuxa docencia será do 24 xuño ao 16 xullo. As persoas interesadas en mellorar os seus coñecementos de portugués para o nivel A2 poderán elixiar entre dúas datas: do 3 ao 14 xuño ou do 1 ao 12 xullo. Este idioma terá, ademais, un grupo para o B1, para o que a docencia se desenvolverá entre o 17 e o 28 xuño. Por último, o curso de francés de nivel A1 desenvolverase entre o 20 xuño e o 10 xullo, e o de alemán, entre o 1 e o 26 de xullo.

Ademais das linguas estranxeiras, inclúense tamén dentro da oferta formativa do Centro de Linguas o curso de español para estranxeiros, que comprende dous grupos, un de nivel máis baixo e outro de nivel máis alto, que se desenvolverán ambos entre o 17 xuño e o 26 xullo. 

Ata un 75% do importe da matrícula

O coñecemento de linguas estranxeiras por parte do alumnado é un obxectivo estratéxico da Universidade de Vigo de cara a favorecer a súa formación integral, por iso, para o fomento da aprendizaxe de idiomas, convócanse bolsas que financian o 75% do custo de matrícula nos cursos do Centro de Linguas, unhas axudas que poden solicitarse ata o día 6 de maio.

As persoas interesadas en matricularse nalgún dos cursos poden consultar na web do  Centro de Linguas os detalles de cada un deles (datas, prazas e créditos, programa e forma de pago), mentres que para informarse dos requisitos para acceder ao programa de bolsas pode consultarse a información na propia web da Universidade.