DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O período de matrícula está aberto ata o 19 de xaneiro

O Centro de Linguas comeza o ano con novidades nos obradoiros de inglés, xaponés e alemán para os negocios

Por primeira vez impartirase tamén un obradoiro de cociña chinesa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
DUVI 08/01/2020

O segundo cuadrimestre trae varias novidades na oferta de cursos do Centro de Linguas. En total, o catálogo de docencia comprende oito idiomas: inglés, alemán, portugués, francés, persa, chinés, xaponés e español para estranxeiros. As principais novidades son a recuperación, tras varios anos, do curso de iniciación ao xaponés, a inclusión dun obradoiro de cociña chinesa, un curso de alemán para os negocios e novos niveis de inglés.

O prazo de matrícula para todos os cursos está aberto ata o 19 deste mes de xaneiro.

A oferta máis ampla, a de inglés

Como vén sendo habitual, a oferta máis ampla do Centro do Linguas corresponde ao inglés, con cursos tanto en Pontevedra como en Vigo. No campus da cidade do Lérez impartirase un curso semipresencial de nivel B1.2 en quenda tanto de mañá como de tarde. En Vigo a oferta comprende cursos de nivel B1.2 tanto no campus como en Torredeceira; un curso de preparación para o exame B2- First (Cambridge); outro curso de B2.2 tamén na cidade e no campus, así como de dos niveis C1.2 e de C2.2.

Unha das principais novidades do catálogo de cursos son os obradoiros de inglés de preparación de exames oficias niveis B1 e B2. Estes cursos terán lugar no meses de marzo e abril e haberá catro por nivel, un por cada unha das destrezas: comprensión auditiva, lectora, expresión escrita e oral. “Desta forma”, explica Mercedes Álvarez, coordinadora académica do Centro de Linguas, “o estudante pode ter peor nivel nunha determinada destreza, por exemplo, a expresión escrita, e apuntarte só a un obradoiro”. 

Chinés e xaponés

Outras das novidades para estes próximos meses é a oferta para iniciarse na lingua e tamén na cultura chinesa. Para isto, o Centro de Linguas volver a ofertar os obradoiros de caligrafía chinesa e de recortado de papel chinés, “que xa se fixeran o curso pasado nos tres campus”, apunta Álvarez, aos que se une un taller de cociña que terá lugar no mes de abril. 

Outro idioma oriental que volver á oferta de cursos é o xaponés, en nivel de iniciación. Esta decisión responde ao gran número de solicitudes que o Centro de Linguas recibiu para recuperar este idioma por parte da comunidade universitaria, que non se impartía dende o curso 2016/2017. O obxectivo é que o alumnado adquira catro capacidades básicas de calquera lingua: auditiva, lectora, expresión verbal e escritura. Enfatizaranse as peculiaridades propias da lingua xaponesa, como o sistema de escritura katakana, hiragana e kanji.

Alemán para os negocios, persa, portugués, francés e español

O curso de alemán para os negocios está destinado a persoas que, polo seu perfil profesional, teñan interese en adquirir unha competencia comunicativa básica nesta lingua, que lles permita desenvolverse en situacións de comunicación no día a día ou na contorna laboral en empresas de países de fala alemá.
Xunto a este curso, que é unha das novidades deste cuadrimestre, tamén se ofertan os cursos cuadrimestrais de alemán, de carácter semipresencial, de nivel A1.2 e A2.

A oferta para o segundo cuadrimestre complétase cun curso de introdución á lingua e cultura persa, que permitirá ás persoas asistentes aprender a comunicarse dun xeito básico neste idioma e tamén achegarse á literatura, historia, arte e sociedade dos países de oriente medio con esta lingua. O catálogo de cursos péchase co B2 de portugués e un curso de conversa de nivel intermedio de francés. Ademais, como cada ano tamén se impartirá o curso de español para estranxeiros nos tres campus, un xeito de que tanto o alumnado de intercambio da Universidade como calquera cidadán estranxeiro poida aprender ou perfeccionar os seus coñecementos de castelán. Desenvolveranse actividades dirixidas a facilitar a interacción e a comunicación na vida diaria, dentro e fóra da Universidade, e tamén se realizarán actividades co obxectivo de facilitar ao alumnado o acceso a coñecementos básicos da cultura española e da galega en particular.

Exames de certificación

Ao longo do segundo cuadrimestre tamén están previstos exames de certificación de nivel de inglés, alemán e portugués, que terán lugar en maio. No caso do B1, B2 e C1 de inglés trátase dun exame CertAcles. Os primeiros en celebrarse, este mes de xaneiro, os días 14 e 15, son os exames de acreditación CertAcles de inglés dos niveis B1 e B2 nos tres campus.