DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado en colaboración con Campus Spain, participan 60 alumnas e alumnos

O Centro de Linguas dálle a benvida a un novo grupo de estudantes internacionais de español

Proceden de países como Malaisia, Tunisia, Filipinas, Emiratos Árabes Unidos, India ou Turquía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 19/01/2022

O Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo deulle esta semana a benvida a un novo grupo de estudantes internacionais de español, 16 novos alumnos e alumnas que se unen aos 44 que xa chegaran o pasado mes de outubro para participar no curso do curso Español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade), que se realiza en colaboración con Campus Spain. Son en total 60 alumnos e alumnas que proceden de países como Malaisia, Tunisia, Filipinas, Emiratos Árabes Unidos, India, Indonesia, Marrocos ou Turquia e que buscan acadar o nivel B2 de español e familiarizarse co sistema universitario europeo para cursar un grao nunha universidade española a partir do vindeiro ano académico.

O acto de benvida tivo lugar este martes na Facultade de Filoloxía e Tradución e contou coa participación do decano José Montero e a coordinadora Académica do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, así como das profesoras Ángeles Tomé, Lorena Rodríguez e Montserrat Villar. Tal e como eles mesmos explicaron, este estudantes estudan español presencialmente nas aulas do Centro de Linguas familiarizándose coa cultura europea, integrándose co alumnado universitario dos distintos graos da Universidade de Vigo que coñecen no campus, no bus á Universidade, nas instalacións deportivas, nos eventos socio-culturais, etc., e familiarizándose co sistema de estudo, coas instalación universitarias, e coas plataformas virtuais empregadas na universidade. Ademais, desde  Campus Spain organizan para eles diferentes actividades de lecer na cidade de Vigo e a súa contorna, coma buscas do tesouro e visitas a museos, así como excursións  coas que coñecer lugares tan senlleiros de Galicia como as illas Cíes, Santiago de Compostela ou Baiona.

O curso de Español LCA, que completarán ao longo da súa estadía en Vigo, comprende dúas modalidades, unha anual, na que os estudantes pasan na UVigo dez meses, e outra semestral de sete meses,  que é a que realizarán os estudantes aos que agora se lles deu a benvida. A docencia comprende un total de 750 horas de clases presenciais, traballo autónomo e actividades que será impartidas por profesorado do Centro de Linguas co obxectivo acadar o nivel B2 de español.