DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto ata o 6 de xuño

O Centro de Linguas lanza a súa oferta de cursos de verán

Ofrece formación de alemán, inglés, italiano, portugués e español como lingua estranxeira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/04/2021

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo ofrece, como cada verán, unha completa oferta formativa para aquelas persoas que queren aproveitar o tempo libre no período estival para iniciar ou perfeccionar os seus coñecementos doutros idiomas.

Así, tanto a comunidade universitaria como a cidadanía en xeral poderán elixir entre cursos de alemán, inglés, italiano, portugués e español como lingua estranxeira. A formación na maior parte dos casos serán en modalidade virtual, con algunhas excepcións en formato semipresencial.

O prazo de matrícula para todos estes cursos está aberto ata o 6 de xuño.

Cursos intensivos virtuais e semipresenciais

O curso intensivo de alemán terá lugar entre o 14 de xuño e o 16 de xullo e desenvolverase totalmente en liña. Trátase dunha formación pensada para persoas que queren iniciarse na aprendizaxe do alemán e acreditar o nivel A1 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse no día a día nun país de fala alemana. As clases impartiranse a través de Campus Remoto catro días á semana (de luns a xoves) e o traballo autónomo farase na plataforma MooVi. Ademais, na procura de individualizar o procedemento de aprendizaxe, o alumnado terá á súa disposición titorías individuais. O prezo deste curso varía entre os 235 euros para a comunidade universitaria, os 150 euros para as persoas que forman parte do programa de intercambio Erasmus e os 285€ para o público en xeral.

O inglés é o idioma con maior oferta formativa para este verán. En modalidade semipresencial impartiranse cursos do nivel B1 e B2, ambos entre o 14 de xuño e o 16 de xullo. Nos dous casos haberá clases presenciais de luns a xoves, ata un total de 43 horas, así como traballo autónomo a través da plataforma Moovi de 37 horas. Os exames finais, que serán presenciais, serán o 16 de xullo. Os prezos varían entre os 320€ para a comunidade universitaria, os 200€ e 392€ para o público en xeral. 

Tamén se ofertan cursos de inglés en modalidade totalmente virtual, en concreto dos niveis B1 e B2 con 40 horas de clases e outras 40 de traballo autónomo. As persoas interesadas poden elixir entre dous horarios diferentes nos dous niveis e, igual que o restos dos cursos, a docencia terá lugar entre o 14 de xuño e o 16 de xullo e os prezos son os mesmos que para a modalidade semipresencial.

Outra alternativa de formación idiomática para este verán é o curso intensivo de italiano, tamén entre o 14 xuño e o 16 xullo en modalidade virtual. Trátase dunha actividade para persoas que queren iniciarse na aprendizaxe do italiano e acreditar o nivel A1 do MCER para poder comunicarse no día a día nun país de fala italiana. As clases impartiranse a través de Campus Remoto catro días á semana (30 horas) e o traballo autónomo farase na plataforma MooVi (30 horas). As tarifas varían entre os 235€ para a comunidade universitaria, os 150€ para os estudantes do programa Erasmus e os 285€ para o público en xeral. 

Finalmente, a oferta estival do Centro de Linguas complétase co curso de portugués, tamén totalmente virtual e nas mesmas datas que os anteriores. En total ofértanse catro cursos, dous para o nivel A2 (do 31 de maio ao 11 de xuño e do 30 de xuño ao 13 de xullo) e outros dous para B1 (do 14 de xuño ao 28 de xuño e do 14 ao 28 de xullo), todos eles de 40 hora de duración pero con diferentes horarios. Os prezos varían entre os 160€ da comunidade universitaria, 196€ para o público en xeral e 100€ para os estudantes do programa Erasmus. 

Cursos de lingua e cultura española

Á oferta de idiomas estranxeiros hai que sumar o curso de lingua e cultura española que tradicionalmente organiza o Centro de Linguas en diferentes convocatorias ao longo do ano. A docencia arrancará o 31 de maio e comprenderá sete semanas de actividades 100% presenciais, incluíndo clases, actividades de lecer, visitas culturais, etc. que se desenvolverán ata o 16 de xullo. A formación ofértase para dous niveis: B1 e B2. En ambos casos a docencia será de luns a venres de 09.00 h a 14.00 horas cun total de 140 horas de clases que principalmente terán lugar na Escola Universitaria de Estudos Empresariais. O prazo de matrícula está aberto ata o 23 de maio e o prazo é de 860€