A principal novidade é unha formación de inglés B1 en modalidade presencial no campus de Ourense
O Centro de Linguas oferta no segundo cuadrimestre 17 cursos de inglés e español como lingua estranxeira
O Centro de Linguas da Universidade de Vigo ten xa aberto o prazo de inscrición para os cursos do segundo cuadrimestre, unha oferta académica conformada por 17 opcións diferentes, con diversidade de modalidades, horarios e niveis, en dous idiomas: inglés e español para estranxeiros.
Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 16 anos que queiran aprender, mellorar e/ou acreditar o seu nivel de dominio da lingua, tanto da comunidade universitaria como de fóra dela. No caso dos cursos de inglés, o prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 27 deste mes de xaneiro, mentres que as persoas interesadas en aprender español poden inscribirse ata o 23 de febreiro.
En total, para esta segunda parte do curso o CdL oferta nove de español como lingua estranxeira, tanto presenciais como virtuais, e oito de inglés, semipresenciais e virtuais, sendo a principal novidade a impartición dun curso de B1 en modalidade presencial no campus de Ourense.
Oito cursos para mellorar o nivel inglés
As persoas interesadas en mellorar ou perfeccionar os seus coñecementos de inglés poderán elixir entre oito opcións diferentes. No caso de optar por unha formación virtual, están dispoñibles tres niveis: B1.2, B2.2 e C1.2, todos eles cursos de 55 horas de duración, con clases impartidas por videoconferencia, traballo autónomo e un exame final na Facultade de Filoloxía e Tradución.
Para quen prefira formación presencial, no campus de Vigo impartiranse catro cursos, dous de nivel B1.2 (un na Enxeñaría Industrial- sede cidade e outro na EE de Telecomunicación, no campus, con diferentes horarios), outro de B2.2 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e un de C1.2, no mesmo centro. En todos os casos, a duración é de 55 horas e inclúe tamén traballo autónomo por parte do estudantado. Nesta mesma modalidade impartirase, como principal novidade, un curso semipresencial no campus de Ourense, neste caso de nivel B1.2, con docencia no Edificio de Ferro.
Nove cursos de español para estranxeiros
O outro piar da oferta do Centro de Linguas para o segundo cuadrimestre é a formación de español para estranxeiros, un oferta composta por nove cursos, sete en modalidade presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución e dous totalmente virtual, para as persoas que non poidan desprazarse ao campus de Vigo. En todos os casos a formación ten unha duración de 60 horas e as persoas interesadas poden elixir entre dous cursos de nivel A1 (con diferentes horarios), outros dous de A2 e outros dous tamén de B1e un último de B2. Os cursos virtuais corresponderanse cos niveis B1 e B2.
As persoas interesadas poden consultar na web do Centro de Linguas todos os detalles da oferta académica para o segundo cuadrimestre do curso 2024/2025.