DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En modalidades presencial, virtual ou semipresencial

O Centro de Linguas ofrece este verán cursos de B1 e B2 inglés

O prazo de inscrición está aberto ata o 3 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cursos
  • Internacional
  • Académica
DUVI 30/05/2024

Tanto en modalidade presencial como virtual e semipresencial, o Centro de Linguas volverá ofrecer este verán cursos de inglés. E farao tanto para o nivel B1 como para o B2, estando o prazo de inscrición aberto ata o vindeiro luns 3 de xuño.

A principal novidade é o curso Get Fluent, unha formación presencial de 15 horas de duración para persoas que xa acreditaron o nivel de inglés B1 ou superior e queiran manter ese nivel con bos alicerces en comunicación oral. A docencia impartirase na Facultade de Filoloxía e Tradución e as persoas inscritas poderán seguir traballando a súa comprensión e expresión oral a través da participación en situacións comunicativas moi diversas. O obxectivo final é que o alumnado adquira fluidez para poder comunicarse nun amplo abano de situacións e poida expresarse nunha gran variedade de temas. Ademais, este curso introduce o alumnado á pronuncia do inglés e, ao coñecer os conceptos básicos dunha variante estándar de inglés, poderán producir e comprender variacións faladas desta en moitos contextos, sendo capaces de comunicarse oralmente de maneira eficaz e mellorar a súa comprensión auditiva aprendendo os procesos fonéticos e fonolóxicos dos falantes nativos. As clases serán prácticas de comprensión e expresión oral a través da realización de exercicios e tarefas que simulan situacións comunicativas do ámbito cotián e do profesional.

O prezo do curso é de 70 euros para a comunidade Universitaria e 85 para o público en xeral e impartirase de luns a venres de 12.30 a 14.00 horas entre o 10 e o 21 de xuño. 

Modalidade semipresencial

Para as persoas que prefiran mesturar a docencia presencial coa virtual, o Centro de Linguas oferta un curso mixto para os niveis B1 e B2 de 80 horas de duración. No caso do nivel B1, as clases serán do 10 xuño ao 19 xullo, repartidas en 51 horas de docencia presencial (luns, martes, mércores e xoves 12.00 a 14.00 horas) e outras 29 de traballo autónomo. Esta formación está pensada para persoas que queiran perfeccionar o seu dominio lingüístico e acreditar o nivel B1 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse satisfactoriamente no contexto dun sistema universitario internacional. 

No caso das persoas que opten por esta formación semipresencial pero para o nivel B2, o curso desenvólvese nas mesmas datas e tamén cunha duración de 80 horas, repartidas en sesións presenciais (51 horas) os luns, martes, mércores e xoves 9.00 a 11.00 horas e outras 29 horas de traballo autónomo. 

Os prezos deste curso, con independencia do nivel, varían entre os 200 euros para as persoas que teñan unha bolsa do programa Erasmus, ata os 320 euros para os membros da comunidade universitaria e os 392 para o público xeral.

Modalide virtual

A terceira opción que oferta o Centro de Linguas é a da formación completamente virtual, que se estende aos niveis B1 e B2. En ambos casos os cursos teñen unha duración de 80 horas e desenvolveranse entre o 10 xuño e o 18 xullo. No primeiro caso, de B1, as clases en liña (46 horas) serán os luns, martes, mércores e xoves a través de Campus Remoto de 9.00 a 11.00 horas, que se completarán con outras 34 horas de traballo autónomo e exame. Para os que opten polo nivel B2, as clases virtuais serán luns, martes, mércores e xoves de 12.00 a 14.00 horas.

Os prezos, en ambos casos, van dos 200€ das e dos bolseiros Erasmus, aos 320€ da comunidade universitaria e os 392 do resto do público.