DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con dous obradoiros gratuítos na Facultade de Filoloxía e Tradución

O Centro de Linguas transpórtanos a China a través da caligrafía e os recortes de papel

O vindeiro día 30 arranca tamén un curso cuadrimestral de chinés

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Internacional
  • Académica
Yaiza Canedo DUVI 18/10/2018

Con intención de acercarnos á cultura do idioma máis falado do mundo, o chinés, o Instituto Confucio da Universidad de León, en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, levou a cabo esta semana dous talleres prácticos sobre dúas das artes fundamentais dentro da comunidade e cultura chinesa, a caligrafía e os recortes de papel. Estas dúas manifestacións artísticas, de carácter milenario non requiren moitos elementos a nivel material, pero esixen grandes esforzos, práctica e imaxinación, capacidades que Lili Wo Grandal, docente dos obradoiros, puxo a proba cuns talleres nos que pretende “achegar elementos prácticos da vida cotiá chinesa á sociedade e mostrar a riqueza do patrimonio cultural chinés, así como promover a aprendizaxe da súa lingua natal”.

A apertura dos talleres, celebrados na Facultade de Filoloxía e Tradución, contou coa participación do director chino do Instituto Confucio da Universidad de León, Chen Chen, e Óscar Fernández, director español desta entidade que, previamente á inauguración dos obradoiros, tiveron tamén a oportunidade de manter unha xuntanza coa vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama e a directora da Fundación Universidade de Vigo, Fina Casal.

A arte de escribir en chinés 

No obradoiro de shufa, ou caligrafía chinesa, as e os participantes tiveron a oportunidade de iniciarse nesta arte, que ademais, é o medio de comunicación cultural da comunidade chinesa. Traballando os trazos básicos dos caracteres e escribindo palabras sinxelas de uso cotiá, as persoas inscritas experimentaron o “método de transmisión de pensamentos dos grandes filósofos chineses e o xeito de comunicación básico do país asiático, que se converteu ademais, nun medio de expresión artística”, tal e como declara a docente. Ademais, Wo Grandal engade que non é preciso ser profesionais da caligrafía artística, “pero si coñecer as súas bases para poder comunicarnos e comprender a cultura chinesa, pois esta, non é so un elemento práctico da vida cotiá, senón tamén un medio de expresión de ideas, emocións, principios e esperanzas dentro da comunidade”.   

China a través do papel

Nos talleres de recortes de papel substituíse a tinta polas tesoiras, e o papel branco polo vermello, cor característica da cultura chinesa. Con estes elementos, os participantes e as participantes realizarán unha mostra de caracteres e figuras típicas chinesas,  que grazas a súa beleza, terminaron por substituír a decoración con seda típica na China tradicional e converterse en parte do patrimonio cultural chino e en Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO no 2009. Según Lili Wo, “neste arte non se mostra só a habilidade artística, senón unha parte da vida cotiá chinesa” pois ao igual que no caso da caligrafía, os recortes de papel, son un medio de expresión cultural que se foi popularizando e estendendo a nivel mundial.

Curso cuadrimestral de chino 

Ademais destes talleres, para aqueles que teñan un maior interese pola lingua e cultura chinesas, o Centro de Linguas ofrece un curso cuadrimestral de chinés no que ademais da lingua, se abordan temas culturais e tradicionais. O curso, de nivel básico, arrancará o vindeiro día 30 de outubro e desenvolverase os martes e xoves de 16.00 a 18.00 horas ata o mes de febreiro na Facultade de Filoloxía e Tradución. Para todos aqueles interesados, Lili Wo Grandal envía un mensaxe de ánimo, pois considera que “o idioma ademais de abrir numerosas portas no mundo laboral e dar acceso a unha das comunidades máis importantes dentro de España, é un desafío cultural e mental que non é tan difícil como pode parecer, ao carecer a lingua de xéneros e de formas verbais complexas”.