DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gabriel Pérez e Jorge Pedrosa acadaron dúas das cinco bolsas convocadas pola entidade

O centro de referencia en I+D+i en navegación aérea selecciona dous alumnos de Aeroespacial para que realicen os seus TFG neste eido

A iniciativa premia as ideas innovadoras e diferenciadoras no eido da xestión do tráfico aéreo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 12/07/2022

CRIDA é un centro de referencia en I+D+i establecido por Enaire (a entidade pública empresarial xestora da navegación aérea en España), a Universidad Politécnica de Madrid e Ingeniería y Economía del Transporte (Ineco) que ten como misión mellorar a eficiencia e prestacións do sistema de xestión de tráfico aéreo español co desenvolvemento de ideas e proxectos de I+D+i. Polo carácter innovador das súas propostas, dous alumnos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, Gabriel Pérez e Jorge Pedrosa, veñen de ser elixidos por esta entidade para realizar con cadansúa bolsa os seus traballos fin de grao (TFG) sobre navegación aérea.

Os estudantes da UVigo, que acaban de rematar o terceiro curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, foron dous dos gañadores da cuarta edición das bolsas para o desenvolvemento de ideas relacionadas coa I+D+i no ámbito ATM (air traffic management/ xestión de tráfico aéreo) de CRIDA. Este certame ten como obxectivos fundamentais detectar ideas innovadoras e diferenciadoras sobre desafíos temáticos neste ámbito e contribuír ao desenvolvemento destas ideas.

“Concederon cinco bolsas a escolas de Aeronáutica de toda España e a nosa escola conseguiu dúas delas. Para os profesores implicados e para o centro, resulta unha grande oportunidade de continuar a dar pasos para situar á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense entre os referentes en navegación aérea en España, en sintonía ca aposta da Xunta de Galicia pola aviación non tripulada no Polo Aeroespacial en Rozas”, comenta Higinio González, subdirector da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e titor dos dous proxectos de TFG seleccionados.

Propostas innovadoras

As bolsas teñen unha financiación de 450 euros mensuais durante 6 meses para a realización do TFG. Desde a entidade organizadora sinalan que na selección das propostas o xurado da convocatoria “valorou especialmente a calidade dos traballos presentados, o seu carácter innovador e o seu impacto, aplicación e viabilidade no ámbito da xestión de tráfico aéreo”. O alumnado da UVigo desenvolverá durante o seu cuarto curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial e desde o campus de Ourense este traballo fin de grao. “As nosas propostas centráronse fundamentalmente na integración de aeronaves non tripuladas en espazo aéreo no que tamén pode haber aeronaves tripuladas”, detalla Higinio González.

Concretamente, o proxecto de TFG de Gabriel Pérez leva por título Desenvolvemento de métodos de detección de obstáculos baseados en procesamento de imaxe para a integración de UAV en espazos aéreos non segregados. Os seus titores serán os profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Higinio González e Luis Miguel González. "Ser premiado cunha das poucas bolsas de CRIDA é un honor. Axudarame a desenvolver un bo traballo fin de grao que de outro modo custaría máis realizar cos recursos dispoñibles previos á bolsa", destaca Gabriel Pérez. Pola súa banda, o proxecto de Jorge Pedrosa leva por título Desenvolvemento de algoritmos de path planning e obstacle avoidance para solucións de mobilidade aérea avanzada. Neste caso, os titores serán de novo Higinio González e Enrique Aldao. “É un pracer para min recibir esta bolsa por parte de CRIDA e poder colaborar co futuro tan próximo e prometedor que ten a mobilidade aérea avanzada. Agora veñen meses de traballo moi interesantes e agardo que quede un bo proxecto”, sinala Jorge Pedrosa.