Será a estrea internacional do Boeiro I, primeiro barco solar da Universidade de Vigo
CES UVigo parte cara Mónaco como único representante español na prestixiosa regata Energy Boat Challenge
Do 1 ao 6 de xullo con equipos procedentes de 30 universidades e 25 nacionalidades
Despois de anos de traballo e infinidade de probas ensaio-erro, a asociación de estudantes CES UVigo xa ten todo listo para a estrea internacional do Boeiro I, o primeiro barco solar da Universidade de Vigo. Será a vindeira semana, do 1 ao 6 de xullo, na prestixiosa regata Mónaco Energy Boat Challenge, unha competición que reunirá a 36 equipos procedentes de 30 universidades e 25 nacionalidades que competirán en diversas probas de innovación e sustentabilidade na navegación e na que o Boeiro I, que compite en categoría solar, será o único representante español.
“É un orgullo poder representar a España e, sobre todo, a Galicia, na competición solar deste ano”, explican desde o equipo, convencidos de que “independentemente dos resultados, este desafío será clave para a asociación”, xa que “permitirá a moitas máis persoas coñecer asociacións como a nosa que fomentan a sustentabilidade e o desenvolvemento naval”, polo que agardan “que moita xente nova se una ao equipo despois de ver a competición”.
Desprazaranse ata Mónaco 11 integrantes do equipo, catro dos cales partirán xa mañá sábado cara Mónaco para poder levar o barco por estrada, os demais viaxarán en avión o propio luns. No Boeiro I, trimarán de seis metros de eslora e dous de manga, todo foi deseñado a medida, incluído o propio remolque no que se realizará o transporte. Valoraron distintas opcións pero, finalmente, optaron por facelo eles mesmos, a través deste remolque, creado ex profeso para transportar a embarcación.
Inspeccións e exhibición no club de iates de Mónaco
Desde o luns ata o mércores estarán con inspeccións e non será ata o xoves 4 cando comecen as probas deportivas propiamente. “Antes de comezar a competición, o Boeiro1 deberá pasar unha inspección técnica que determinará se a embarcación é apta ou non para competir. Posteriormente, o equipo gozará dunha exhibición das naves participantes no club de iates de Mónaco”, explican desde o equipo.
As probas deportivas serán xoves, venres e sábado
O xoves 4 arrancarán as probas como tal, primeiro cunha volta de cualificación que consistirá en percorrer media milla náutica (aproximadamente 1000 metros) en liña recta desde o peirao ata unha boia, que deberán rodear para volver ao mesmo punto de partida e, xa despois, participarán nunha proba de velocidade na que deberán percorrer un quilómetro no menor tempo posible.
O venres 5 será a proba de resistencia, na que deberán navegar por un circuíto de, aproximadamente, cinco quilómetros e medio, o que porá a proba a calidade das súas placas solares e a fiabilidade da súa batería, Miudiña 2.
Finalmente, o sábado 6 será a proba de slálom, unha carreira chea de obstáculos que requirirá gran habilidade de condución e maniobrabilidade do Boeiro I. No caso de clasificarse, disputarían a Championship race, enfrontándose co outro equipo gañador nunha regata de velocidade.
Un reto náutico centrado na innovación e a sostibilidade
Todos os equipos participantes na Monaco Energy Boat Challenge foron seleccionados para participar neste desafío por ser quen de desenvolver un reto náutico centrado na innovación e a sostibilidade, explorando novas tecnoloxías, materiais innovadores e sistemas de propulsión alternativos que reducen o impacto ambiental mantendo o rendemento náutico.
Repartiranse entre todos diferentes premios (récord de velocidade, resistencia, mellor comunicación en redes...) e este ano incorporaron o premio da Fundación Príncipe Alberto II de Mónaco, que premiará con 25.000 euros a mellor solución tecnolóxica para a navegación a vela en materia de eficiencia enerxética e redución de carbono.
Talento forxado nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo
Chegar ata aquí non foi doado para CESUVigo, un equipo composto na actualidade por unha vintena de alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo. Todo arrancou en 2020 a partir dunha proposta do fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, que contactou coa Universidade de Vigo buscando mozas e mozos dispostos a ‘embarcarse’ no desafío de construír a súa propia embarcación para participar en regatas internacionais. De aí xurdiu Clean Energy Ship, CES UVigo, composta inicialmente por un grupo de alumnas e e alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, aos que logo se foron unindo estudantes das outras dúas escolas de enxeñaría do campus: Industrial e Minas e Enerxía.
Neste camiño contaron tamén coa colaboración de numerosos patrocinadores que quixeron apoiar o proxecto, os primeiros a propia empresa Marine Instruments e a Universidade de Vigo -a través de grupos como o GTE, Vigo Tecnolóxico e as tres escolas de enxeñería- e, a partir de aí, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Consorcio da Zona Franca e Monte Real Club de Yates, entre outros.