DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación reuniuse no edificio Exeria

A CGIACA inicia na UVigo as súas xuntanzas presencias nas universidades galegas co obxectivo de visibilizar o seu labor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 11/10/2022

A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) celebrou este martes na Universidade de Vigo a primeira das reunión presenciais que os seus responsables acordaron levar a cabo nas tres universidades galegas, de xeito rotatorio, e co obxectivo de que se “visualice mellor a Comisión”, sinala a docente e investigadora da UVigo e vocal académica na CGIACA, María José Bravo Bosch.

Os estatutos da ACSUG atribúen á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, como órgano superior de avaliación, as funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación que teña atribuídas a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Presidida polo catedrático de Teoría e historia da educación da USC Miguel Ángel Santos, a Comisión está integrada por un secretario e nove vocais, que participan na adopción dos acordos relativos á avaliación, acreditación ou informe individual do profesorado universitario. “Nós encargámonos de avaliar ao profesorado das universidades galegas e actuamos sempre en forma presencial, salvo o paréntese da covid, coas reunións que sexan necesarias, como mínimo unha vez ao mes. Pero agora decidimos que en lugar de reunirnos sempre en Santiago, sería bo facelo nas universidades, para que se visualice mellor a CGIACA”, detalla Bravo Bosch.

Na primeira xuntanza celebrada na UVigo este martes participaron o presidente  de seis membros da Comisión, o director e un técnico da ACSUG e o reitor, Manuel Reigosa, que ademais de gabar o traballo da ACSUG, tamén felicitou á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación pola decisión de realizar as súas reunións nas universidades galegas.