DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Chámalle X" alcanza este ano a súa 4ª edición

Terán lugar do 13 ao 15 de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 26/10/2007

Este xa é o cuarto ano consecutivo que a Facultade de Belas Artes organiza "Chámalle X", xornadas que teñen como obxectivo fundamental dar a coñecer ao alumnado e o público en xeral o amplo panorama da arte de acción que actualmente estase a realizar en España. A intención non é desconcertar nin levantar outra barreira entre o artista e o espectador, senón un achegamento ás diferentes propostas que recibe a facultade, confiando en que a arte de acción constituia un estímulo creativo para estudantes, profesores e público en xeral. Patrocinadas pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Estudantes, as actuacións en vivo complementaranse con debates teóricos en torno a esta práctica interdisciplinar.
“Se alguén sente curiosidade en canto ao nome elixido para as xornadas, gustaríanos que se interpretase coma unha alegoría de confusión e infinita distancia que percibimos no espectador medio, cando, de maneira inocente, acode a un museo, unha galería ou a un acontecemento como o que agora presentamos” explica o organizador das xornadas, Carlos Tejo.
O acto de apertura das xornadas, que pretenden ser un escaparate para os novos e menos coñecidos artistas do ámbito da arte de acción, terá lugar o 13 de novembro na Casa das Campás en Pontevedra. As sesión durarán ata o día 15 e contarán con actuacións de artistas españois de larga traxectoria coma Concha Jerez, Los Torreznos ou Miguel Molina.
Este ano hai que destacar a colaboración do museo de arte contemporáneo de Vigo (MARCO) xunto coa xa tradicional do Centro Galego de Arte Contemporánea e da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

Convocatoria 2008

As actuacións e conferencias que se presentarán ao longo das sesións, foron seleccionadas de entre mais de 40 proxectos aspirantes. Para os interesados en participar nestas xornadas o próximo ano, a convocatoria abrirase no mes de abril de 2008. Os requisitos son amosar un interese no campo artístico, demostrar unha traxectoria no ámbito da arte de acción e presentar un proxecto adecuado.