DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de CCSS e da Comunicación reúne testemuños para elaboración dun vídeo

Un chamamento a compartir voces fronte ao machismo

Trátase dunha iniciativa impulsada pola júnior empresa Freshysweet para o 8M

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/02/2020

Comparte a túa voz é o título da iniciativa impulsada pola júnior empresa Freshysweet, integrada por alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co obxectivo de visualizar e denunciar aquelas experiencias machistas e sexistas que as participantes tiveran sufrido, subliñan, “polo feito de ser muller”. Desde comezos desta semana, a caixa de correo que instalaron na entrada da facultade convida tanto á comunidade universitaria como a calquera persoa que acuda ao centro a relatar, de forma anónima, aquelas experiencias nas que “en primeira ou terceira persoa”, se visen “ameazadas ou menosprezadas polo feito de ser muller”. Os testemuños recollidos, explican, serán empregados para a elaboración dunha peza audiovisual que o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, difundirán a través da rede e das pantallas instaladas no centro.

“A idea é darlle voz a todas aquelas mulleres que non a teñen ou que non son capaces de elevala publicamente”, salienta Eva Varela, relacións públicas de Freshysweet, respecto dunha iniciativa xurdida a proposta da integrante desta júnior empresa Sara Piñeiro. “Pouco a pouco fomos perfilando o proxecto entre todos ata acabar no que agora estamos levando a cabo. Quixemos facer un chamamento á sonoridade”, apuntan, e con esa idea instalaron no acceso ao centro unha caixa de correo coa que buscan “que calquera persoa poida participar” na iniciativa. Coa idea de reunir un maior número de testemuños, esta caixa de correo permanecerá na facultade ata o vindeiro xoves 27 de febreiro e completarase coa recollida que Freshysweet realizará tamén nos próximos días a través das súas redes sociais.

“Os escritos que aparezan serán empregados, sempre de forma anónima, para a creación dun documento audiovisual que será publicado con motivo do 8 de marzo, para a concienciación de todos e todas”, engaden os impulsores e impulsoras da iniciativa. Xurdida hai oito anos, Freshysweet é unha axencia júnior de publicidade que desenvolve traballos para diferentes clientes, destinando os ingresos obtidos á organización de actividades ou a propia formación do alumnado que a integra, labor que á súa vez compaxina coa organización de diferentes iniciativas na propia facultade.