Premia as escolas e facultades que máis fomentan o uso da lingua propia
Chega a 2ª edición do distintivo ‘Gal Ego’
Os centros que o consigan recibirán unha insignia e unha axuda de 3000 euros para novas iniciativas
O galego é a lingua propia e de uso da Universidade de Vigo. Así se recoñece nos seus estatutos, onde a institución se compromete a promover todo tipo de actuacións que garantan o uso pleno da lingua en todas as súas actividades. Premios, axudas, cursos… e, desde 2023, unha nova iniciativa, o selo ‘Gal Ego’, unha distinción que recoñece aquelas facultades e escolas máis implicadas no uso activo e permanente do galego no desenvolvemento de todas as súas actividades.
Os primeiros en recibilo foron a Facultade de Educación e Traballo Social, no campus de Ourense, “un centro absolutamente comprometido e moi activo no uso do galego na súa actividade”, e a Facultade de Filoloxía e Tradución, en Vigo, a quen se lle entregou un galardón honorífico “en recoñecemento ao seu labor cotián a prol do idioma propio de Galicia, baixo un compromiso en todo momento firme e infatigable”.
Agora acaba de facerse pública unha segunda edición, unha nova oportunidade para que escolas e facultades demostren o seu compromiso coa lingua galega. Os centros que o logren recibirán unha insignia para expor publicamente nas súas instalacións, así como unha axuda económica de 3000 euros coa que pór en marcha novas actividades ou iniciativas que fomenten o uso da lingua.
Vixencia de catro anos
O distintivo terá unha vixencia de catro anos(2025-2029), tras os cales deberán presentarse de novo á convocatoria se o queren renovar. Por este motivo este ano non se poden presentar os dous centros recoñecidos na primeira edición, xa que aínda teñen vixente a distinción.
A comisión avaliadora analizará todas as propostas atendendo a unha serie de criterios, como o número de materias impartidas en lingua galega, que valerá o 20 % da puntuación; o número de TFG e TFM en lingua galega, tamén o 20%; a comunicación interna e externa en lingua galega, outro 20 %; a páxina web en lingua galega, un 10%; a realización de actividades e accións en lingua galega, outro 10%, etc. De avaliar as diferentes propostas encargarase unha comisión presidida pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e da que tamén formarán parte o director da Área de Normalización Lingüística, Benigno Fernández, en calidade de secretario, e as técnicas da área, Eva María Castro e María Cristina Rodríguez, como vogais.
Solicitudes ata o 31 de marzo
Os centros interesados en presentar as súas propostas poden facelo ata o vindeiro 31 de marzo. Nas bases reguladoras poden consultarse os detalles da convocatoria.