DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil Concepción Saiz Otero únese ás tradicións destas datas

Chega o Entroido, chega a festa para o alumnado máis novo do campus

Nenas e nenos viven os seus propios domingos fareleiro e oleiro e xoves de comadres e compadres

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Ourense 27/02/2019

O Entroido en Ourense non se circunscribe a un día de celebración senón que abrangue un amplo abano de festas ata chegar ao día grande. As nenas e nenos da Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense tamén participan, ao seu xeito, destes festexos e están empezando a familiarizarse con éxito coas diferentes tradicións arredor desta data tan sinalada.

Así, no centro xa tiveron o seu propio domingo fareleiro, no que xogaron e batallaron coa fariña, e domingo oleiro, no que experimentaron co barro, facendo pequenas olas e colgantes de recordo. Tamén celebraron o xoves de compadres, no que as nenas foron ao centro disfrazadas de nenos e tiveron a visita de dúas personaxes características do Entroido ourensán, como son o felo de Maceda e a pantalla de Xinzo de Limia. Quédalles pendente a celebración do xoves de comadres, na que os nenos irán de nenas, e a festa final de Entroido, que será o día 28 ás 18.00 h na  propia escola infantil.  

Nenos e nenas, explican desde o centro, gozan con estas celebracións, que rachan a súa rutina semanal e converten a escola nunha festa na que ademais de divertirse aproveitan para desenvolver habilidades como a psicomotricidade. A medida que se vai celebrando cada festa, rapazas e rapaces traballan arredor da temática correspondente, incluíndose na programación a elaboración dos seus propios bonecos de compadres e comadres. Con este tipo de iniciativas, o centro busca que o seu alumnado coñeza e participe das tradicións culturais e festas da contorna, neste caso o Entroido, unha festa moi arraigada na provincia de Ourense.