DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurouse este venres na Biblioteca Central coincidindo coa celebración do Día do Libro

Chega a Vigo a III edición da exposición ‘Educación en Feminino’

Lembra as traxectorias dalgunhas das mestras que máis contribuíron a mellorar o ensino da súa época

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
D. Besadío DUVI 23/04/2021

Tras pasar xa polos campus de Ourense e Pontevedra, este venres, coincidindo coa celebración do Día do Libro, inaugurouse na Biblioteca Central a III edición da exposición Educación en Feminino: un paseo pola historia, 32 paneis que poñen en valor as achegas e traxectorias de 32 mestras e colectivos de educadoras de diferentes épocas e lugares que, co seu traballo e compromiso, contribuíron a mellorar o ensino da súa época. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 28 de maio e, nesta ocasión, ampliouse cun pequeno recuncho en homenaxe a Xela Arias, poeta, tradutora, editora e, tamén mestra, á que este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas.

A exposición recolle a III colección de pósters correspondentes a educadoras, teóricas e/ou prácticas, de diferentes lugares e épocas históricas, con especial atención a Galicia e á Idade Contemporánea, elaborados polo alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar de primeiro curso do Grao en Mestre/Mestra de Educación Primaria e do Dobre Grao Infantil+Primaria da Universidade de Santiago de Compostela -campus de Lugo-.

De Hipatia de Alexandría á actualidade

Elixidas polo propio alumnado, futuras mestras e mestres, os 32 paneis amosan mulleres referentes, destacadas, pioneiras, innovadoras que, na súa diversidade de orixes e na pluralidade de respostas pedagóxicas que ofreceron, dalgunha maneira transformaron a mellor as circunstancias do ensino da súa época.

A mostra comeza co panel dedicado a Hipatia de Alexandría, filósofa e mestra neoplatónica grega que destacou nos campos das matemáticas e a astronomía, e chega ata a actualidade recollendo información ordenada cronoloxicamente sobre, entre outras, Juana de Vega, Concepción Arenal, Ellen Key, Elisa Sánchez e Marcela Gracia, Sofia Kovalévskaya e María Wonenburger, Emma Goldman, Maria Montessori, Rosa Sensat, as Mestras da República, Enriqueta Otero, Antía Cal... e xa máis recentemente, Camino Pereiro, directora do CPI Virxe da Cela de Monfero, membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega; as Orientadoras de Prescolar na Casa; a televisiva Rocío Ramos-Paúl,  coñecida como a Supernanny, para rematar con  Bibiana Marful, directora da primeira escola ao aire libre de Galicia, e Gey Lagar, impulsora do programa Patios y parques dinámicos, dirixida a conseguir que os patios e os centros educativos sexan o máis inclusivos posibles.

Recunchos destacados para Xela Arias e Antía Cal

Como complemento á exposición, desde a Biblioteca Central organizaron tamén unha  mostra  con parte dos fondos bibliográficos de autoras presentes na exposición, así como unha pequena homenaxe a Xela Arias na que se pon en valor o seu papel como mestra. “Gustaríame recordar a súa faceta como docente, como profesora, xa que é unha parte dela que non se trata tanto, non se fala tanto porque non é unha produción externa, son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces, nos nenos...”, lembra o seu fillo, Darío Gil Arias, no panel que desde a Biblioteca deseñaron para protagonizar este recuncho.

Dentro da exposición ocupa tamén un lugar destacado a mestra viguesa Antía Cal, fundadora, en 1961, da Escola Rosalía de Castro, primeiro centro laico e que ofreceu de forma regulada a educación en lingua inglesa. Viguesa Distinguida, Chairega de Honra, Premio Trasalba, Premio de Igualdade Ernestina Otero... Antía Cal defendeu, tal e como se lembra no panel dedicado á súa figura, a igualdade das nenas e nenos a través da educación.