203 estudantes de 24 centros de toda Galicia mediron as súas habilidades na EET
A ciberseguridade, protagonista da IV edición das Olimpíadas de Teleco
Os equipos gañadores competirán a nivel nacional
Co patrocinio de Indra, Oesía, Televés e BorgWarner celebrouse este venres a IV edición das Olimpiadas Nacionais de Teleco na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo. Durante toda a mañá máis de 200 estudantes de 24 centros de ESO, bacharelato e FP de toda Galicia amosaron, nos corredores, e presentaron, no salón de actos do centro, os seus proxectos, nos que como novidade, nesta edición da competición, tiveron que incorporar aspectos da ciberseguridade, ben, no propio proxecto, ben no seu desenvolvemento, a través da adquisición de boas prácticas de protección contrasinais, actualización de hardware ou software, etc.
“A diferencia da competición nacional, onde só hai unha categoría para equipos de estudantes de ESO, aquí na EET dividimos esta competición en dúas categorías. Unha para 1º e 2º de ESO e outra para 3º e 4º. Desta forma entendemos que é máis xusto para os equipos e tamén tratamos de incentivar o interese polas tecnoloxías da información e comunicacións para a rapazada máis nova”, explica Rebeca P. Díaz, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Así mesmo, como en edicións anteriores, na competición tamén se mediron equipos de alumnado de bacharelato e FP.
Equipos gañadores á competición nacional
Os gañadores da competición rexional celebrada este venres na EET competirán no mes de maio a nivel nacional cos mellores equipos seleccionados na vintena de escolas de enxeñaría de telecomunicación de toda España que organizan esta actividade. Outorgáronse así mesmo, un primeiro premio de 400 euros ao equipo e 400 euros ao centro educativo; un segundo premio de 300 euros ao equipo e un 3º premio de 200 euros ao equipo.
“Aproveito para agradecer ao profesorado de ESO, bacharelato e FP o seu interese nesta competición. Sen a súa participación, sería imposible ter este número de estudantes e proxectos”, sinala a directora da EET.
