DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha conferencia do catedrático da UVIgo Jacobo Porteiro

O Ciclo Aida Fernández Ríos detense na urxencia da transición cara combustibles sostibles

Promovido pola Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/05/2023

Dirixido a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación Pontevedra promoven o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que este xoves terá como protagonista ao catedrático da Universidade de Vigo Jacobo Porteiro. Nunha conferencia programada para as 19.00 horas, que poderá seguirse de xeito virtual, Porteiro porá de relevo a “urxencia” de acometer unha rápida transición cara combustibles fósiles para un futuro descarbonizado.

Segundo informou a RAGC, as enerxías renovables e a sostibilidade serán os temas centrais da intervención do catedrático da Escola de Enxeñería Industrial e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx). “Un dos principais retos que a sociedade mundial afronta para o seu desenvolvemento é a dispoñibilidade dunha enerxía barata e limpa”, salienta Porteiro. “Durante décadas, o noso desenvolvemento baseouse fortemente na dispoñibilidade de combustibles fósiles, baratos, con gran densidade de enerxía e de fácil transformación en calor ou traballo. Non obstante, o uso masivo destes combustibles xerou un grave problema ambiental que debemos afrontar a escala mundial”, engade o investigador da Área de Máquinas e Motores Térmicos. De aí que Porteiro sinale que “o noutro momento cuestionado quecemento global é xa unha evidencia aceptada mundialmente e é, sen dúbida, o principal motor deste cambio, quedando aspectos outrora claves, como o esgotamento das reservas de combustibles fósiles, relegados a un segundo plano”.

Nese senso, o propósito do seu relatorio será pór de relevo a “urxencia” dunha transición rápida cara unha economía descarbonizada na que combustibles como o carbón, o petróleo ou o gas sexan substituídos por outros libres de emisións de gases de efecto invernadoiro. Neste punto, Porteiro salienta que existen varios combustibles candidatos a protagonizar esta transición, aínda que “todos eles posúen vantaxes, inconvenientes e incertezas”. Entre eles destaca tres grandes familias: os biocombustibles, os combustibles sintéticos e os vectores de hidróxeno, aos que engade, como recolle a RAGC, unha “cuarta vía”, o emprego de combustibles fósiles cuxo uso vaia acompañado de tecnoloxías de captura e almacenamento do dióxido de carbono formado. “Hoxe en día non existe un consenso sobre cal destes combustibles ou solucións debe liderar esta transición e precisamente este debate está a retrasar a toma das urxentes decisións que son necesarias para cumprir cos nosos obxectivos de mitigación do cambio global”, conclúe. 

A inscrición para participar gratuitamente nas diferentes conferencias do ciclo pode realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra e as persoas participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.