DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os venres do mes de novembro en modalidade virtual

Un ciclo de charlas achegaralle ao alumnado as oportunidades de emprego nas administración públicas comunitarias e estatais

Organizadas pola Área de Emprego e Emprendemento e a Facultade de Dirección e Xestión Pública

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 28/10/2022

Auditoría, comunicación, economía/estatística, finanzas, TiC, linguas, dereito… As institucións europeas empregan a máis de 60.000 persoas, das que arredor de 6000 son españolas, e nos últimos anos o número de mozas e mozos que se interesa por esta saída profesional é cada vez maior, xa que estas institucións ofrecen a oportunidade de traballar nunha contorna profesional multicultural e multilingüe con amplas posibilidades de ascender na carreira profesional. Conscientes desta realidade desde a Área de Emprego e Emprendemento e a Facultade de Dirección e Xestión Pública organizaron para o mes de novembro un ciclo de charlas coas que achegarlle ao alumnado as oportunidades de emprego ás que poden optar nas diferentes institucións, ben da Unión Europea, ben do Estado español.

Baixo o título Xornadas de captación de talento para a función pública da Unión Europea e da Administración Xeral do Estado, haberá actividades en liña todos os venres do mes de novembro. Trátase, segundo explican desde a organización, de darlle a coñecer ao alumnado as diversas oportunidades laborais que poden atopar nas administracións públicas comunitarias e estatais, así como as súas formas de acceso ao emprego público, para o que se contará con diferentes especialistas da Representación Permanente de España ante a Unión Europea, Reper, e da Administración Xeral do Estado.

Tres charlas sobre emprego na UE e unha na Administración Xeral

O programa arranca o venres 4, ás 15.00 h, coa charla Posibilidades de emprego público en institucións da Unión Europea e apoio da Reper, a cargo de Gabriel Alonso Frieira, Policy Officer da Dirección Xeral de Asuntos de Interior e Migración (DG HOME) da Comisión Europea. O seguinte venres, día 11, á mesma hora, tratarase o tema de como enfrontarse a un proceso de selección e preparar unhas oposicións para traballar nas institucións europeas, EPSO. Neste caso os consellos e criterios de actuación chegarán da man de Soledad Blanco -exalumna da UVigo- e Paula López Reig, funcionarias ambas da CE e membros da rede de orientadores EPSO que colaboran nas actividades organizadas pola Unidade de apoio para a presenza de españois nas institucións da UE da Representación Permanente de España. O venres 18, tamén á mesma hora, afondarase no tema das prácticas nas institucións europeas, neste caso da man de Soledad Blanco e Gabriel Alonso. 

O remate final será o venres 25 ás 12.00 horas, co taller O valor do servizo público e procesos de captación de talento no corpo nacional de funcionarios. Neste caso a formación correrá a cargo de Sonia Postigo, vocal asesora da Dirección Xeral da Función Pública.

Estas xornadas serán acreditadas cun total de 8 horas e para participar é necesario inscribirse.