A actividade celébrase este xoves na Facultade de Relacións Internacionais
Un ciclo de cine aborda o feminismo en contextos sociopolíticos marcados pola vulneración dos dereitos fundamentais
O seu obxectivo é visibilizar as desigualdades e cuestionar as estruturas patriarcais
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebra este xoves o II Ciclo de cine. Tempos de feminismo en plano secuencia. Nel poñe o foco "na construción social da masculinidade e nos mecanismos de dominación que perpetúan as desigualdades entre mulleres e homes, achegándose tamén ás realidades das mulleres en contextos sociopolíticos marcados pola vulneración dos seus dereitos fundamentais, como o Sáhara occidental e Afganistán".
Dirixida ao alumnado do centro, os obxectivos da iniciativa son “favorecer a alfabetización audiovisual con perspectiva de xénero; incrementar o coñecemento sobre as estruturas patriarcais que posibilitan e perpetúan a desigualdade e a violencia exercida contra as nenas e mulleres a nivel global e fomentar unha análise crítica da discriminación e violencia contra as mulleres a través da linguaxe fílmica”. O cine, sinalan desde a organización, “constitúe unha poderosa ferramenta para visibilizar as desigualdades de xénero, cuestionar as estruturas patriarcais e promover a reflexión crítica sobre as diferentes formas de discriminación e violencia que afectan ás mulleres en todo o mundo”. Así, explican que a que a través desta linguaxe cinematográfica, na xornada queren convidar ao alumnado “a reflexionar sobre o papel do feminismo na transformación social, a defensa dos dereitos humanos e a loita das mulleres pola igualdade, a liberdade e a dignidade”.
De España ao Sáhara occidental e Afganistán
A programación do ciclo arrancou cunha apertura a cargo de Laura Carballo, decana da Facultade de Relacións Internacionais; Raquel Rial, directora de área do campus de Ourense, e María Lameiras, enlace de Igualdade do centro organizador e coordinadora da actividade. Pola mañá a programación contou coa proxección da película Serás hombre e unha conferencia da súa directora, Isabel de Ocampo, sobre a construción social da masculinidade tóxica. Serás hombre é unha viaxe, da man de cinco personaxes, a través de reflexións sobre a condición masculina, tratando de desmontar crenzas, mitos e prexuízos sobre a masculinidade tradicional.
Xa pola tarde está prevista a proxección de Insumisas-mujeres en lucha en el Sáhara occidental (de Laura Dauden e Miguel Angel Herrera, 2023), que documenta o traballo de defensoras de dereitos humanos saharauís para rexistrar e denunciar as violencias sufridas polas mulleres nos territorios do Sáhara occidental ocupado por Marrocos. Ao remate haberá unha charla sobre Ser muller no Sáhara occidental a cargo de Souadou Mohamed Fadel e Ana María Pernas. Para rematar, proxectarase o documental Gorrións entre tulipáns: soños rotos detrás do burka (de Anna Amorós, 2024) e terá lugar unha conferencia sobre Afganistán e ser muller no mundo talibán, a cargo da propia Anna Amorós e Rahila Raya. Este audiovisual alude no seu título á ave autóctona do país, ou gorrión afgán, e á súa flor nacional, o tulipán, facendo unha alegoría á ansiada liberdade das mulleres afgás non mundo talibán.
