As proxeccións serán os días 3, 10 e 17 de decembro
O ciclo de cine 'Miradas Transformadoras' afondará na xustiza social e a educación
Co obxectivo de fomentar a reflexión crítica
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá este mes de decembro o ciclo Miradas Transformadoras: Cine e Xustiza Social. Constará de tres sesións (os días 3, 10 e 17) nas que se conxugará a proxección dunha película e un coloquio-debate no que participará un especialista da materia elixida.
A actividade está organizada por alumnado do Programa de Doutoramento Xestión e Resolución de Conflitos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica, concretamente por Clara Grech, Santiago Abal, Jennifer Rodríguez e Antía López. É ademais unha das accións seleccionadas na convocatoria de Actividades extraacadémicas e de difusión cultural da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo. Os obxectivos do ciclo son a promoción de valores de igualdade, inclusión e xustiza social e fomentar a reflexión crítica sobre a inclusión social e a educación. Tamén quere promover o compromiso social e ético das e dos futuros profesionais en contextos educativos e sociais e crear un espazo para o intercambio de ideas e experiencias.
Tres sesións
A primeira das sesións, que terán lugar sempre na aula 3.2 do Edificio de Ferro do campus ás 18.00 h con entrada libre, será o día 3 de decembro. Visionarase a película Mi amor, de Maïwenn Le Besco (2023). A temática elixida será a violencia de xénero e a experta convidada María José Vázquez, profesora da Área de Psicoloxía Básica da UVigo. A segunda sesión será o día 10, coa proxección de Diarios de la calle, de Richard LaGravenese (2007) e a temática da inclusión social a través da educación, coa participación do traballador social e profesor Breogán Riobóo. A programación pecharase o día 17 con How to have sex, de Molly Manning Walker (2023). Neste caso a mesa redonda será sobre a pornografía e xustiza social, avanzando cara a unha educación sexual efectiva, e nela participará Ricardo Fandiño, psicólogo presidente da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia.