DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha semana de actividades promovidas pola delegación de estudantado

Un ciclo de conferencias amosa múltiples opcións profesionais ao alumnado de Enxeñaría Forestal

Coincidindo coa celebración, este xoves, do patrón da escola

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/03/2023

Amosar ao alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal algunhas das posibilidades profesionais que terán unha vez rematen os seus estudos é un dos obxectivos da Semana Forestal 2023, un ciclo de coloquios e talleres promovido pola delegación de estudantado da escola. Diferentes empresas, profesionais e colectivos participan entre luns e mércores nun ciclo dirixido a que “o alumnado coñeza o sector, como traballan as empresas, cales son as tendencias actuais....”, como sinala o representante da delegación Carlos Peco. “Hai charlas máis orientadas á conservación de espazos ou á xestión de áreas protexidas e outras máis centradas na rama industrial da carreira ou nas explotacións forestais”, sinala Peco dunha serie de coloquios que buscan combinar a abordaxe de aspectos técnicos coa orientación laboral.

Esta Semana Forestal precede, un ano máis, á celebración este xoves do patrón da escola e está conformada por unha serie coloquios e talleres abertos ao público, que a delegación de estudantes promoveu coa colaboración do profesorado e alumnado da escola. De feito ,como explica Peco, “de acordo coa Xunta de Escola e o profesorado” nestes días “cancélanse as clases de todas as materias”, que son substituídas por estas charlas divulgativas.

A agricultura sintrópica abre tres días de actividades

As xornadas arrancaron na mañá deste luns cun coloquio de Jaime Otero, que nos últimos meses percorreu a península nunha caravana co propósito de coñecer proxectos agrícolas alternativos e “diseminar” o concepto no que centrou o seu relatorio deste luns, a agricultora sintrópica.”Digamos que é unha fusión de coñecemento indíxena ancestral cunha visión occidental, que axúdanos a entender os procesos da natureza desde unha perspectiva non darwininana, na que os piares das relacións entre os seres vivos baséanse na cooperación e non na competición”, sostivo Otero. Partindo do proxecto Dispersor, que desenvolve en Viveiro, e das ideas que recolleu no libro Agricultura sintrópica según Ernest Götsch, o conferenciante avogou nese senso por “xerar agroecosistemas que rexeneran a paisaxe e o ecosistema”, á vez que producen alimentos, en contraposición a “modelos baseados no extractivismo e a produción”. 

A continuación, o ciclo buscou achegar o alumnado o traballo que realiza un axente medioambiental da Xunta de Galicia, nun coloquio con Iván González, para logo pór o foco no labor de axentes forestais e medioambientais na prevención e extinción de incendios, da man da asociación Aprafoga. Esta primeira xornada contou tamén cun relatorio do enxeñeiro técnico forestal Enrique Fandiño sobre o traballo que realizan con fungos medicinais na empresa Hifas da Terra. 

Das comunidades de montes á industria

Xa o martes, a Semana Forestal contará coa participación de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (Porto do Son), que afondará nos labores dunha comunidade “que se caracteriza por unha gran diversidade de aproveitamentos, como o uso de gando, un couto micolóxico, a obtención de resina e a enerxía eólica", lembra Peco. A continuación, o alumnado achegarase aos procesos de traballo na industria da man de Finsa, nun coloquio no que participarán “sete empregados da empresa, varios deles exalumnos da escola, que nos contarán a súa experiencia profesional". Completan esta xornada un coloquio sobre a explotación de porco celta baseada no silvopastoreo que Martín Touceda  creou no municipio ourensán de Cenlle e un relatorio sobre o traballo da empresa pública Seaga no ámbito dos “proxectos medioambientais e labores de conservación”.

Na xornada do mércores, a programación detense nas aplicacións dos drons nos sectores agrícola e forestal, da man de David Blanco, de Beniu Soluciones, para logo coñecer a experiencia do egresado Fran Abilleira como autónomo e responsable da consultora Abifor. Tamén o mércores, Julio Ruiz Cagigal presentará os ámbitos de traballo da Asociación Forestal de Galicia, mentres que David Liñares afondará no seu traballo como apicultor.

Durante estes tres días, as conferencias veranse complementadas pola tarde por unha serie de talleres, como o que este luns porá o foco na “entobotánica e nos aproveitamentos tradicionais dos montes". Xa o martes, os investigadores do Centro de Inverstigación Forestal de Lourizán Alberto García e Enrique Pereira ofrecerán un obradoiro sobre innovación na extracción de resina, a única actividade que require de inscrición previa, a través do correo infolourizan.mr@xunta.gal. Finalmente, o mércores o alumnado poderá iniciarse no manexo dunha procesadora e dun autocargador grazas á un simulador de realidade virtual cedido pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia, así como probar un simulador da Federación Galega de Caza. 

Tras estas tres xornadas, a Semana Forestal complétase o xoves coa celebración de San Leandro, con actividades de carácter lúdico, como un concerto do grupo Sete Cuncas.