DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 15 ao 18 de outubro na Casa das Campás

Un ciclo de conferencias amosará a relación entre o cine e a pintura ao longo da historia

O recoñecido director José Luís Borau impartirá a charla inaugural

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 22/09/2008

Enmarcado dentro da programación de outono que organiza a Vicerreitoría do campus, terá lugar o ciclo de conferencias O cine e a pintura, co que os asistentes poderán afondar nos lazos de unión que, ao longo da historia, relacionaron ao mundo cinematográfico con outras disciplinas artísticas como, neste caso, a pintura. Baixo a dirección da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Carmen Becerra, a iniciativa pretende ser “unha fórmula de achegamento a un campo moi novo que demostra que as artes non teñen fronteiras lingüísticas, nin de patria nin de ningún outro tipo”, explicou a docente.
O ciclo, que comezará o vindeiro 15 de outubro na Casa das Campás, estruturarase en dúas partes: Os pintores no cine e A pintura no cine. Na primeira, afondarase nos autores que deron nome a recoñecidas películas ou que as súas vidas se converteron no argumento de outras, como é o caso de Van Gogh ou Frida Kahlo. Ademais, os participantes descubrirán que “en función de quen se achegue a un artista o resultado é moi diferente”, subliñou Carmen Becerra.
Xa na segunda parte estudarase a utilización de recursos e estratexias pictóricas como a iluminación na gran pantalla, tema que adiantará o recoñecido director de cine José Luís Borau na conferencia inaugural baixo o nome Relacións entre cine e pintura. Seguiranlle outros expertos na materia como Áurea Ortiz, da Universidade de Valencia, José Luís Sánchez Noriega, da Complutense de Madrid ou Claude Murcia, da Universidade París VII, entre outros.

O primeiro dun ciclo de cursos

O ciclo O cine e a pintura pretende ser o primeiro de moitos outros cursos que seguirán relacionando a gran pantalla con varias disciplinas artísticas como a escultura, a danza, o teatro, a música, etc. “Se todo vai ben, a nosa idea é a de dar continuidade ao longo do outono e da vindeira primavera a esta iniciativa e non deixala nun feito illado”, apuntou Carmen Becerra. Ademais, continuou a docente, “é un tema moi interesante para as titulacións que se imparten no campus, en concreto para Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas ou Ciencias da Educación”.

O prazo de inscrición ata o 10 de outubro

Os interesados en asistir a esta primeira parte do ciclo de conferencias sobre cine e pintura, poden formalizar a súa matrícula de xeito gratuíto a través do correo electrónico campuspontevedra@uvigo.es, indicando nome, apelidos, número de DNI e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, 22 de setembro, ata o vindeiro día dez de outubro e o número de participantes está limitado en 60, polo que se irán as solicitudes por orde de chegada. Os estudantes da Universidade de Vigo que finalicen o curso poderán pedir un crédito de libre configuración.