DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinado a persoal investigador e estudantes, terá lugar en Ciencias Xurídicas e do Traballo

Un ciclo de conferencias analizará as cuestións máis relevantes do dereito concursal

Celebrarase os días 19, 26 e 27 de novembro e 3 e 4 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 14/11/2018

O Ciclo de conferencias de dereito concursal regresa á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo este outono para achegar á comunidade universitaria aos retos actuais da administración concursal. Ao longo de cinco xornadas, os días 19, 26 e 27 de novembro e 3 e 4 de decembro, destacados representantes tanto do mundo académico como do profesional abordarán temas como a función do letrado da administración de xustiza, a declaración de concurso ou a responsabilidade dos administradores concursais.

Este programa está organizado polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas e coordinado polo profesor Pablo Fernández Carballo-Calero, que explica que as sesións están pensadas para analizar cuestións relevantes destes disciplina e, sobre todo, para achegar este campo ao alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Ciencias Económicas e Empresariais. O obxectivo do ciclo é “acercar o estudantado á xente destacada no ámbito concursal coa que probablemente coincidan na súa vida profesional”. Para iso, lembra Fernández Carballo-Calero contarán con “relatores cunha moi destacada traxectoria no eido concursal que pertencen a distintos sectores profesionais, dende un letrado da administración de xustiza, ata dous profesores universitarios xuristas ou administradores concursais, un administrador concursal economista e un docente que desenvolveu a función de xuíz en diversos concursos”.

Con esta, acádase a sexta edición dun ciclo que, segundo o docente, “tense consolidado, con charlas moi prácticas nas que se potencia o debate e coloquio cos asistentes”. A primeira das xornadas arrancará coa intervención de José Tronchoni, secretario coordinador Provincial de Pontevedra, que falará sobre a función do letrado da administración de xustiza no concurso, no relatorio inaugural o vindeiro luns 19 ás 17.15 horas. A segunda sesión será o luns 26 deste mes, coa intervención Rafael García Pérez, profesor de Dereito Mercantil da Universidade da Coruña, que explicará como é o proceso de declaración de concurso. A derradeira xornada do mes de novembro será o martes 27, con Miguel Ángel Bouza, profesor da Universidade de Vigo, como relator, para explicar o concurso das persoas físicas. Xa na primeira semana de decembro desenvolveranse as dúas últimas sesión, a primeira o día 3 con Ángel Pascual Rubín, presidente da Asociación Galega de Administradores Concursais e a derradeira o día 4 con Guillermo Velasco, profesor da Universidade de Boloña.

O prazo de inscrición está aberto ata o propio día de comezo do ciclo.