DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 5, 12 e 19 de xuño a través de Campus Remoto

Un ciclo de conferencias analizará os avances en biotecnoloxía de alimentos vexetais

Reúne algúns dos investigadores altamente citados da UVigo e novas incorporacións nesta área

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/06/2020

A investigación en biotecnoloxía de alimentos estase a converter nunha das áreas con máis potencial na Universidade de Vigo, que conta con investigadores altamente citados como os profesores Maurizio Battino, investigador distinguido honorífico, e Jesús Simal-Gándara, catedrático de universidade. A eles súmanse novas incorporacións neste eido do coñecemento como Francesca Giampieri e Bruno Mezzetti. Todos eles daranse cita nas próximas semanas nun ciclo de conferencias virtuais titulado Plant-Food Guarantee and Improvement. Os relatorios arrancan mañá venres 5 de xuño e continuarán os días 12 e 19 do mesmo mes a través de Campus Remoto ás 11.30 horas. Os tres seminarios, cada un con tres relatorios, xiran arredor da temática común da mellora e garantía de calidade e seguridade de alimentos vexetais. 

A idea partiu, como explica Jesús Simal-Gándara, da Vicerreitoría de Investigación co obxectivo de reunir o persoal investigador altamente citado da Universidade de Vigo na área de investigación en biotecnoloxía de alimentos, como os profesores Maurizio Battino e o propio Simal-Gándara, e tamén para darlles a benvida a “novas fichaxes”, como os investigadores altamente citados Francesca Giampieri, que se incorpora como investigadora distinguida, e Bruno Mezzetti, como visitante de investigación. Estes catro especialistas forman parte dos grupos de Nutrición e Ciencia dos Alimentos e de Investigacións Agroambientais e Alimentarias. 

Simal-Gándara lembra que con este tipo de eventos trátase de poñer en valor a investigación que se fai neste eido na Universidade de Vigo. Nas clasificacións académicas internacionais, apunta, “a UVigo destaca no ámbito da ciencia e tecnoloxía dos alimentos” e pon como exemplo o posto 76 do mundo que a UVigo obtivo no ránking de Shanghái de 2019 neste eido do coñecemento, “a mellor posición de todo o sistema universitario galego”. A este respecto, considera o catedrático que é “unha fortaleza que convén visibilizar para que sirva de faro e atraia máis investigadores na área, de tal modo e maneira que nos permita avanzar no proxecto dunha rede internacional de centros de investigación alimentaria con sedes físicas en distintos continentes e intercambio constante de investigadores entre todos eles”.

Dende as propiedades saudables dos vexetais a fórmulas cosméticas

O ciclo vai dirixido a todo o persoal investigador pre-doc e pos-doc interesado nas propiedades saudables dos alimentos vexetais e no aproveitamento de produtos de descarte para recuperar ingredientes bioactivos con efectos beneficiosos preventivos fronte a patoloxías dexenerativas, e así desenvolver novos produtos de alto valor engadido como suplementos nutracéuticos, alimentos enriquecidos, ou incluso fórmulas cosméticas. En cada sesión, o profesor Mezzetti abrirá o seminario web cunha charla duns 40 minutos, seguidas de outras dúas intervencións máis curtas de integrantes dos grupos participantes, para logo rematar cunha mesa de discusión sobre os temas abordados. 

A primeira sesión, mañá venres día 5, centrarase nas bases científicas das estratexias e ferramentas útiles na mellora da produción de calidade en alimentos vexetais, tanto produtos como subprodutos e os factores pre e post colleita que determinan a calidade nutricional da froita. Xunto con Bruno Mezzetti, participan nesta primeira xornada o catedrático Jesús Simal-Gándara e o investigador do programa Ramón y Cajal Miguel Ángel Prieto.

O vindeiro venres, día 12, terá lugar a segunda sesión, que se orienta aos aspectos máis tecnolóxicos, facendo especial fincapé, como remarca Simal, “nos biotecnolóxicos para desenvolver novos produtos de alto valor engadido. Nesta sesión participan, xunto con Bruno Mezzetti, María Fraga, investigadora de posdoutoramento da Xunta de Galicia e Tamara Forbes, investigadora de posdoutoramento do programa Juan de la Cierva. 

O ciclo rematará o venres 19  con tres intervencións centradas na seguridade e eficacia do desenvolvemento de novos produtos con fines cosméticos ou alimentarios. Intervirán ademais de Mezzetti, Francesca Giampieri, investigadora distinguida recentemente incorporada á UVigo e Patricia Gullón, investigadora do Laboratorio de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC).