DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tres primeiros martes do mes de marzo ás 19.00 horas na Facultade de Comercio

Un ciclo de conferencias reflexionará sobre o “crecemento desmesurado da economía” e a necesidade dun proceso de decrecemento

O Post-Growth Innovation Lab e Ecobas colaboran na organización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/03/2023

A partir da vindeira semana, a Facultade de Comercio acollerá un ciclo de relatorios sobre o decrecemento. Organizado polo Ateneo Atlántico de Vigo, xunto coa Universidade de Vigo e a Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo, o obxectivo será reflexionar arredor do crecemento desmesurado da economía e a necesidade de entrar nun período de decrecemento.

A universidade olívica participa neste programa a través do Post-Growth Innovation Lab e do centro de investigación Ecobas, sendo o investigador Mario Pansera un dos seus coordinadores, xunto con Remedios Copa, vicepresidenta da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e membro da directiva do Ateneo Atlántico de Vigo. Como explica Pansera, o obxectivo desta programación, que se “desenvolverá durante os tres primeiros martes do mes de marzo”, é facilitar “coñecementos fundamentais para entender os cambios aos que nos enfrontamos na situación de crise actual na que conflúen o quentamento global e os fenómenos climáticos, o esgotamento de enerxías fósiles e outros recursos limitados do planeta, agravado todo isto pola guerra” de Ucraína.

Os debates celebraranse no salón de actos da Facultade de Comercio, en Torrecedeira, os martes 7, 14 e 21 de marzo a partir das 19.00 horas. 

Primeira xornada: que é o decrecemento

A primeira xornada do ciclo, vindeiro martes 7, centrarase en explicar que é o decrecemento e por que é necesario. Para iso Begoña de Bernardo Miño, enxeñeira agrónoma e presidenta de Véspera de Nadal; Remedios Copa Sánchez, vicepresidenta da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC e membro da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo, falarán sobre a necesidade “crear un imaxinario novo e posibilista” e analizarán, dende punto de vista teórico, que é o decrecemento, facendo fincapé nos motivos polos que este enfoque é necesario para facer fronte á crise enerxética e ao quentamento global.

Segunda xornada: as limitacións das enerxías alternativas 

O segundo martes de marzo, o día 14, o debate centrase nas limitacións das enerxías alternativas e en como estas, xunto co esgotamento de determinados elementos e materias primas no planeta, condicionarán o futuro industrial. Nesta sesión participarán Xavier Simón Fernández, profesor do Departamento de Economía Aplica e investigador principal do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH, da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; Rosa María Regueiro Ferreira, profesora de Economía Aplicada da USC e investigadora especialista en economía das enerxías renovables e Mario Pansera, investigador e director do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. O debate será presentado e dinamizado por David Esperón Fontán, psicólogo e membro da directiva da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e de REAS Galicia.

Xornada de peche: as vantaxes e inconvenientes da economía circular

A derradeira sesión do ciclo, o día 21, centrarase nas vantaxes e inconvenientes da economía circular e da economía entrópica e nas súas limitacións. Neste debate intervirán Miguel Rodríguez Méndez, profesor do Departamento de Economía Aplicada de UVigo e investigador do Governance And Economics Research Network, GEN, xunto con Brais Suárez Eiroa e Mario Pansera, investigador e director, respectivamente, do Post-Growth Innovation Lab da UVigo. O encargado de moderar o debate será Miguel Anxo Abraira, presidente da Rede para o Decrecemento Navia-Eo, Galiza, O Bierzo.