DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ‘Publi&Webinars’ buscan completar a formación do alumnado de CCSS e da Comunicación

Un ciclo de conferencias e talleres conecta a creación e a difusión de contidos na rede

Desenvolveranse de xeito virtual entre marzo e maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/03/2021

Da creación de podcasts á conversión dun espazo web nunha tenda virtual, pasando polas claves para mellorar a situación dunha páxina nos buscadores ou polo uso de Facebook e Instagram como soportes publicitarios. Diferentes aspectos relacionados tanto coa creación de espazos web e outra serie de contidos multimedia como coa súa difusión e promoción agrúpanse no ciclo de conferencias e obradoiros Publi&Webinars, que se desenvolverá de xeito virtual, a través de Campus Remoto, entre os meses de abril e maio. Organizado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, coa colaboración da facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e as empresas E-goi e Dinahosting, este ciclo de actividades virtuais, abertas tamén ao público en xeral, teñen como obxectivo “completar a formación do alumnado”, a través das achegas dunha serie de profesionais, varios deles formados na propia facultade.

Como explica Rolán, este ciclo, integrado por seis conferencias e talleres, nace co obxectivo de complementar os contidos de dúas materias, Produción publicitaria na web e multimedia e Proxectos interactivos en novos medios: web, dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, respectivamente. Nelas, explica, abórdase “por un lado a creación de produtos multimedia e, por outro, a difusión de produtos multimedia, dous aspectos que pivotan un arredor do outro, porque non podes promocionar algo que non existe e non serve de nada crear un produto se logo ninguén o coñece”. De aí que este ciclo de actividades virtuais, que se desenvolverán a través de Campus Remoto, sexa aberto tanto ao conxunto do alumnado como a toda persoa interesada. 

Das campañas en redes sociais á creación dunha tenda virtual

Os Publi&Webinars arrincarán o vindeiro venres 26 co relatorio Social ads en Facebook e Instagram, a cargo do egresado da facultade e xestor de proxectos na empresa Elogia Adrián Aira, quen afondará en como a “microsegmentación” que implican as redes sociais fai posible, como sinala Rolán, que os profesionais da publicidade poidan “crear campañas específicas”. O 9 de abril, o ciclo continuará cun coloquio con María Xosé Saborido, responsable de formación en Dinahosting, empresa que colabora con esta actividade proporcionando de xeito gratuíto o aloxamento aos espazos web que o alumnado ten que desenvolver no marco da súa materia. Esta conferencia estará centrada en abordar “como se xestiona a atención ao cliente desde o punto de vista dos negocios web, que é tamén unha parte fundamental da comunicación dixital das empresas”.

O 13 de abril o consultor e experto en posicionamento de espazos web en buscadores, Wajari Velásquez impartirá un relatorio titulado Claves SEO en 2021, no que achegará unha serie de claves para lograr un mellor emprazamento das páxinas creadas co xestor de código aberto WordPress. Esa mesma semana, o venres 16, a participación de dous egresados da facultade, Ana Lage e Anxo Rey, permitirá que o ciclo se deteña, como sinala Rolán, “nunha das grandes revelacións do confinamento”, a creación de podcasts, poñendo o foco en como estes titulados “converteron unha afección, que era ver series” no programa Rayos & Retruécanos.

O ciclo continuará o 27 de abril cun taller centrado en “como crear unha tenda online”, que será impartido polo consultor web Anxo Sánchez e que estará dedicado a Woocommerce, un plugin de comercio electrónico para o xestor de contidos WordPress. Por último, os Publi&Webinars pecharanse o 7 de maio co coloquio E-mail márketing: buenas prácticas integradas en una estrategia multicanal, a cargo de Daniel Alves, responsable de formación e internacional. da emprega portuguesa E-goi, que colabora tamén coa formación do alumnado proporcionando unha serie de licencias que lles permitirán facer uso “dunha ferramenta de e-mail márketing moi potente”, que Alves presentará nun coloquio no que afondará tamén no traballo "de xestión de datos, optimización ou analítica" que implica o envío masivo de correos electrónicos con fins publicitarios.