A actividade celebra este ano a súa décima edición
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil achegarase ao tratamento da diversidade na lectura
Participarán Carlos Labraña, Mª José Floriano, Pablo Otero, Érica Esmorís e Antonio García Teijeiro
Lecturas desde a diversidade. Este é o título e a temática elixida para unha nova edición, a décima, do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Ao longo de catro conferencias, o alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e o público interesado terá a oportunidade de asistir a catro conferencias na que diferentes creadores falarán da súa obra escrita ou ilustrada e/ou visión arredor desta temática.
A actividade está organiza polas profesoras do centro Isabel Mociño, Carla Míguez e María González e conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, que colabora con este ciclo ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A inscrición é de balde e está en trámite o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. Aínda que especialmente pensada para o alumnado dos graos de Educación Infantil e de Educación Primaria que se imparten no campus, a iniciativa está tamén aberta a outros colectivos e públicos que poidan estar interesados, como poden ser mestres en activo.
Formando un lector competente
A iniciativa mantén o seu obxectivo de ofrecer unha actividade formativa que complemente as carencias que se observan no curriculum formativo das futuras mestras e mestres, propiciando o seu primeiro contacto con autoras e autores de libros cos que logo van a traballar nas aulas, ademais de dar a coñecer o que se está facendo no mundo da creación literaria en galego. Este contacto directo e a oportunidade que supón para o alumnado coñecer de boca de autoras e autores o proceso creativo supón, tal e como apunta a coordinadora do ciclo, un “enriquecemento moi importante” que lle abre ao estudantado a porta para “aproximarse aos libros con outros ollos”.
Nesta edición a iniciativa xira arredor da diversidade. Esta elección, explican desde a organización do ciclo, ten como obxectivo contribuír á “formación dun lector competente, crítico e con capacidade de reflexión para comprender a diversidade, respectala e promover unha actitude proactiva ante unha sociedade en constante cambio”. Ao longo das conferencias, engaden, “queremos que os creadores incidan en lecturas a prol da diversidade, especialmente en obras de calidade que ficcionalizan a realidade e promoven a empatía”. Ademais, destacan que a temática elixida conecta de xeito directo co plan estratéxico da Facultade de Educación e Traballo Social.
A programación desenvolverase os venres, ás 11.00 horas, na aula 1.4 do Edificio de Ferro do campus. Arrancará o 27 de setembro cunha conferencia de Carlos Labraña, dramaturgo especializado en teatro infantil, titulada Teatro para un mundo sen guerras nin fronteiras. Seguiranlle o 4 de outubro a escritora María José Floriano e o ilustrador Pablo Otero falando dos pequenos universos portátiles. O 18 de outubro será a quenda da escritora Érica Esmorís, que ofrecerá a conferencia Entre patios e libros: creando espazos de lectura. Pechará o ciclo o escritor Antonio García Teijeiro, que compartirá co público asistente como crear poemas paso a paso e ler poesía comprometida.