DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa programación inclúe catro conferencias ao longo do mes de outubro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil chega á súa oitava edición reflexionando sobre a coeducación en igualdade

Participarán as e os creadores Francisco Castro, Antonio M. Fraga, Eva Mejuto e Bea Gregores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 19/09/2022

Coeducamos? Con esta pregunta de fondo lánzase na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense unha nova edición, a oitava, do seu Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Cada martes do mes de outubro desenvolverase neste centro unha conferencia que permitirá establecer un diálogo directo entre o público interesado, sobre todo as e os futuros mestres e mestras que se forman no campus, e as creadoras ou creadores de obras para as e os lectores máis novos.  

A actividade está organiza como en anteriores ocasións pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo Isabel Mociño e conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, que colabora con este ciclo ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A iniciativa mantén o seu obxectivo de ofrecer unha actividade formativa que complemente as carencias que se observan no curriculum formativo de mestras e mestres, propiciando o seu primeiro contacto con autoras e autores de libros cos que logo van a traballar nas aulas, ademais de dar a coñecer o que se está facendo no mundo da creación literaria en galego. Este contacto directo e a oportunidade que supón para o alumnado coñecer de boca de creadoras e creadores o proceso creativo supón, tal e como apunta a coordinadora do ciclo, un “enriquecemento moi importante” que lle abre ao estudantado a porta para “aproximarse aos libros con outros ollos”.

Nesta ocasión, explica Isabel Mociño, a programación foi deseñada para intentar suscitar “a reflexión e o debate arredor dunha temática que nos preocupa a todas e todos como é ata que punto estamos nunha sociedade que realmente coeduca en igualdade a homes e mulleres”. Así, lembra, “aínda que as tendencias máis claras na literatura van cara esa educación máis igualitaria, a realidade que observamos ao noso redor non sempre responde a ese suposto de igualdade de xénero”. Neste marco de reflexión, para as catro conferencias que conforman a programación, a organización escolleu “obras e autoras e autores que abordan esta temática, que a teñen moi presente”.

Catro abordaxes

O ciclo inclúe catro conferencias, unha por semana, que se desenvolverán dese o 4 ao 25 de outubro, sempre ás 17.00 h na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. A primeira delas, o día 4, leva por título A literatura infantil: falar dos temas “feos” e será ofrecida por Francisco Castro, escritor e director da Editorial Galaxia. A elección deste autor, explican desde a organización, débese a que ten “unha obra que enlaza moi ben co público xuvenil porque é un autor valente, no senso de que trata temas de actualidade, non lle dá medo tratar temáticas ás veces consideradas tabú ou que aparecen pouco na literatura, como o maltrato dentro da parella de adolescentes, enfermidades como o alzhéimer ou as identidades nas redes sociais”.

A segunda das conferencias, que terá lugar o 11 de outubro, correrá a cargo da ilustradora Bea Gregores e levará por título Protagonistas: mulleres de conto. En cada edición deste ciclo, comenta Isabel Mociño, convídase a un ilustrador ou ilustradora “para provocar tamén a reflexión sobre os procesos creativos das imaxes e facérmonos conscientes de que temos que saber ler as imaxes”. A relatora abordará concretamente a dimensión que lle dá aos personaxes femininos, tanto históricos como actuais, na súa obra. O 18 de outubro será a quenda de Antonio M. Fraga, autor que “ofrece unha visión moi crítica da sociedade” e que “crea personaxes femininos cun forte carácter, cunha dimensión moi relevante”. A súa conferencia levará por título Bestiario diverso de personaxes normais. O ciclo pecharase o 25 de outubro con Eva Mejuto, autora que “tamén incide en temáticas tabú ou pouco visibilizadas”. Na súa intervención, Álbums para entender o mundo, ofrecerá “unha panorámica a través do álbum ilustrado para reflexionar sobre como este formato, desde hai un par de décadas, incide na visión crítica da sociedade, do mundo, e permite sensibilizarse e ter unha conciencia moito máis activa e crítica da realidade que vivimos”.

Inscrición de balde e aberta á cidadanía

A inscrición no ciclo é de balde, estando en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. En todo caso, desde a organización destacan o feito de que tamén está aberto á asistencia das persoas interesadas, tanto de dentro como de fóra da comunidade universitaria, seguindo a liña da demais actividades culturais que se celebran na Facultade de Educación e Traballo Social e co obxectivo de contribuír a “rachar barreiras, conseguir que máis xente participe e que este tipo de actividades cheguen a un público máis heteroxéneo”.