DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase na Facultade de Dereito do campus

O ciclo 'Pensar o cinema' propón o debate arredor da representación audiovisual das mulleres como bonecas

Nas súas sesións mestúranse proxeccións, intervención de especialistas e debate

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 22/10/2024

A XIV edición do curso Pensar o cinema xa está en marcha. Como cada ano, a iniciativa, que se celebra na Facultade de Dereito do campus de Ourense e a través do Campus Remoto da UVigo, mestura proxeccións, intervención de especialistas e debate arredor dun tema de actualidade e controversia. Nesta ocasión, pon o foco na representación audiovisual das mulleres como bonecas.  

A dirección académica da actividade corre a cargo do seu promotor e responsable, o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Bonorino, e a coordinación recae en Claudia Robles e Teresa Roa. Polo que respecta ao seu financiamento, conta co apoio da Facultade de Dereito, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e e AGAF. “As xornadas desenvólvense desde xa fai máis dunha década como un ciclo de cine, análise e debate”, explica Pablo Bonorino. Ano tras ano, nelas as e os futuros xuristas que se forman no campus de Ourense asómase a diferentes problemáticas que se abordan desde unha perspectiva crítica. En numerosas edicións teñen sido protagonistas deste ciclo problemáticas relacionadas coa cuestión de xénero, sexualidade e igualdade, como a violencia contra as mulleres ou a prostitución.

De Air Doll a Barbie

Nesta edición, indica o seu responsable, “proxectaranse filmes relacionados coa temática da representación das mulleres como bonecas no cine, cuestión que ten suscitado un renovado interese polo éxito obtido pola película Barbie”. Concretamente son dúas as obras elixidas. A primeira é Air Doll (2009), do director Koreeda Hirokazu. Trátase, explican desde a organización da actividade, dunha película de animación baseada nun manga que narra a vida dunha boneca sexual que cobra vida e comeza a explorar o mundo que lle rodea. O filme, detallan, explora “a vida urbana e as practicas patriarcais a través dos pensamentos e sentimentos da protagonista”.

A segunda das pezas elixidas é Superstar: The Karen Carpenter Story (1988), do director Todd Haynes. Esta película semi-documental, indican desde a organización do ciclo, aborda o ascenso da cantante Karen Carpenter (do coñecido dúo The Carpenters), a súa loita coa anorexia e a súa morte prematura en 1983. “A súa peculiaridade reside en que todas as partes nas que non se utiliza material de arquivo foron realizadas con bonecas Barbies en lugar de actores, para denunciar a deshumanización e abusos aos que foi sometida a protagonista”.

A programación deste ano arrancou o pasado 18 de outubro cunha sesión centrada en Air Doll e continuará o día 25 con outra dedicada a Superstar: The Karen Carpenter Story. Como peche, o 7 de novembro celebrarase unha xornada na que María Concepción Gimeno (Universidad de León) falará sobre Airdoll. Bonecas sexuais e imaxes da muller e Marta León Alonso (Universidad de Salamanca) sobre Superstar: The Karen Carpenter Story. A boneca como ideal feminino. Seguiralle unha mesa redonda na que se debaterá sobre se Barbie é unha película feminista ou non, participando, ademais das convidadas, María Lameiras e Xosé Manuel Pacho (Universidade de Vigo) e José Antonio Sendín (Universidad de Salamanca).