DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo Sonora estrea en Galicia o documental “Leonard Cohen I’m your man”

Antes da proxección Sonora organiza un concerto con grupos locais

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 14/11/2007
A homenaxe ao músico canadense Leonard Cohen pecha este xoves o ciclo Sonora 07. A proxección, por primeira vez en Galicia, do documental de Lian Lunson “Leonard Cohen I’m your man” porá un broche de ouro á edición de inverno do Sonora, un festival que “volve á Universidade de Vigo a música no seu estado máis puro: o directo, para gozar do pracer por escoitar –e tamén ver- as músicas que fagan falar as nosas emocións”, en palabras de Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes.
Antes da proxección deste documental, Sonora organiza un concerto con grupos locais que, ao igual que no filme, se encargarán de versionar cancións do músico. Nicolás Pastoriza, Apenino e Colectivo Oruga serán quen de levar ao seu estilo os temas de Cohen.
O espectáculo comezará ás 17.00 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.

“Leonard Cohen I’m your man”

“I’m your man” é unha película de confesión e homenaxe, unha obra necesaria para os amantes da música e o cinema. Segundo os seus creadores, hai poucos músicos da elegancia de Cohen que conseguen, ademais, atraer a atención dun público que vai dos quince aos oitenta anos.
Dirixida por Lian Lunson conta coas actuacións dunha lexión de artistas que aproveitan a ocasión para rendirlle tributo a través de toda unha serie de concertos. Entre outros, participan: U2, Rufus Wainwright, Nick Cave, Javis Cocker, Antony, Martha Wainwright, Beth Orton... Ademais foi seleccionada para o Festival de Sundance, Toronto, Berlín e no festival In-edit Beefeater.
A proxección será ás 17.45 nas sala 1 do Edificio Miralles.