DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do Día Internacional dos Museos, co lema nesta edición de Museos, sostibilidade e benestar

Un cidade de vivendas de cartón para reflexionar sobre urbanismo, arquitectura, desigualdade e exclusión residencial

O profesor Ignacio Pérez-Jofre coordina un taller no Marco que dura ata o 8 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 29/05/2023

Neste ano 2023, o Día Internacional dos Museos ten como lema Museos, sostibilidade e benestar. Estes tres conceptos son tamén a base do proxecto Casas de Cartón, un obradoiro de material reciclado que organiza o museo Marco de Vigo e coordina o profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo, Ignacio Pérez-Jofre.

O taller, promovido polas ONG Emaús e Provivienda, arrancou o pasado 18 de maio, precisamente o Día Internacional dos Museo, e esténdese ata o vindeiro 8 de xuño aberto á participación de calquera persoa, colectivo ou asociación, individualmente ou en grupo, sempre previa inscrición. 

Trátase dunha iniciativa de creación colectiva na que, a través dunha serie de talleres nos que participan persoas interesadas, colectivos, asociacións e grupos de escolares, “construiremos casas a partir de pezas de cartón, coas que posteriormente montaremos unha grande instalación na rúa”, explica Pérez-Jofre. A finalidade é incentivar unha reflexión sobre as implicacións metafóricas derivadas da unión dun material como o cartón e un motivo, neste caso as casas, e a capacidade de xerar un pensamento visual crítico sobre urbanismo, arquitectura, desigualdade e exclusión residencial.

Como explica o seu impulsor, o proxecto Casas de Cartón sitúase no propio núcleo do lema elixido polo ICOM para esta edición 2023 do Día dos Museos, Museos, sostibilidade e benestar e é así tanto polo material elixido como polos seus contidos e connotacións simbólicas, polos seus obxectivos e pola metodoloxía. Ademais, esta proposta xa tivo unha experiencia piloto o pasado ano no local de Emaús e como culminación realizouse unha mostra pública na Ronda de Don Bosco, en Vigo.

De balde, previa inscrición

O taller é de balde e desenvólvese os xoves e venres de 18.00 a 20.00 horas na galería B3 do museo Marco conducido polo propio Pérez-Jofre coa colaboración de Julio Catalán, Álex Fuertes, Gloria Lorenzo e Marta Regojo. A inscrición debe realizarse en participa@emaus.com e tamén existe a posibilidade de realizar visitar para grupos de escolares a partir de 3 anos de martes a venres, de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00 hora para o que é preciso solicitar unha cita previa cita en comunicacion@marcovigo.com