DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata fin de mes a biblioteca acolle media ducia de exposicións xurdidas co gallo da G-Night

Ciencia e arte na Biblioteca Central para observar o ceo desde a Terra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/10/2021

Coa observación do ceo nocturno desde a Terra como fío condutor, a Biblioteca Central do campus de Vigo acollerá ata o vindeiro 29 de outubro media ducia de exposicións nas que se alternan as compoñentes científica e artística. Xurdida da decisión da dirección de participar na G-Night, o que a converte na primeira biblioteca universitaria galega en tomar parte neste evento cunha actividade propia, “creo que foi a actividade deste tipo organizada pola biblioteca que máis traballo supuxo, pero tamén é certo que estamos orgullosos de todo este esforzo e dos resultados obtidos. De feito, a experiencia foi tan boa que estamos a pensar en posibles actividades para a G-Night do ano próximo”, explica Teresita Aboal, subdirectora da Biblioteca Central da UVigo.

Ademais do transporte das pezas que integran as mostras, a montaxe, para a que incluso se aproveitaron os lucernarios da terraza durante a G-Night, complicou a posta en marcha e o desenvolvemento das exposicións, que se poderán visitar ata o 29 de outubro, coincidindo coa celebración da Semana Internacional do Acceso Aberto á Ciencia, en horario de 8.30 a 20.45 de luns a venres. “Gustaríame destacar o traballo realizado pola nosa compañeira Susana San Luis, principal responsable do deseño e montaxe da exposición”, sinala Aboal, que incide no interese e nas moitas posibilidades que ofrece a biblioteca como espazo expositivo. 

As mostras polo miúdo 

Ben, desde o punto de vista de calquera persoa, ben, desde o de expertos e expertas astrónomas e astrofísicas, as mostras céntranse na observación do ceo desde a Terra, desde unha perspectiva científica, nuns casos, e artística, noutros. No primeiro grupo insírese Con A de astrónomas, 13 paneis prestados pola docente e astrónoma da USC e do Observatorio Ramón María Aller, Xosefina Ling Ling que recuperan e reivindican as achegas ao coñecemento e evolución do Universo de mulleres como Jocelynn Bell, Vera Rubin ou Margaret Geller. As mostras científicas complétanse, dunha banda, co panel que sobre a estrela Rosalíadecastro e o seu exoplaneta Riosar prestou a Agrupación Astronómica Ío de A Coruña, que tamén cedeu catro paneis sobre contaminación luminosa, que inciden no modo no que o exceso de luz artificial afecta á observación do ceo, pero tamén á saúde humana e á biodiversidade, e doutra, co póster 10 do boletín Impacto dedicado á publicación científica en astronomía e astrofísica, elaborado para este evento pola responsable da Área de servizos bibliométricos da biblioteca, Ana Martínez. 

“A parte artística componse dunha serie de obxectos cotiáns que, inspirados en imaxes do Universo, adquiren unha segunda vida reflectindo a beleza do firmamento. Cada unha destas pezas (cadeiras, cómoda, mesiñas ou tapices) está acompañada da súa correspondente imaxe inspiradora”, detalla a subdirectora da biblioteca en relación coa mostra da que son autoras Ana Ulla, Benigno González, Carmen Villar, Carmen Moreno e Rita Landeiro. Telescopio transparente, unha instalación que homenaxea a Galileo Galilei coas mesmas medidas que o telescopio que o astrónomo italiano construíu en 1609, obra do catedrático de Escultura da Facultade de Belas Artes da UVigo, Juan Fernando de Laglesia, completa as mostras artísticas da biblioteca, que tamén alberga unha exposición bibliográfica con case 100 volumes da biblioteca de Ciencias. “Creamos tres zonas especiais. Nunha delas podemos ver varios facsímiles sobre temas astronómicos da colección conservada na Biblioteca Central; outro espazo está dedicado a libros infantís; e por último, temos un recuncho dedicado ao Principiño que, como ben sabemos, vive nun asteroide coa súa rosa e o seu cordeiro”, explica Teresita Aboal. 

ADN divulgador 

A subdirectora da biblioteca anima a calquera persoa de calquera idade a visitar as mostras, “porque pode atopar cousas interesantes que ver e aprender”, ao tempo que sinala as motivacións do persoal do servizo para desenvolver esta iniciativa. “Aínda que non somos investigadores ou investigadoras, está no noso ADN como persoal da biblioteca universitaria facer divulgación da ciencia que crea o persoal investigador da UVigo. A nosa compañeira Paz de la Peña propuxo que, na noite do persoal investigador, fixésemos unha actividade dedicada ás e aos investigadores da noite”, lembra Aboal, que explica que a continuación contactaron con Ana Ulla á que lle trasladaron a posibilidade organizar unha observación astronómica desde a terraza. “Esta foi a idea orixinal que se completaría cunha exposición bibliográfica e a actuación do grupo vigués Tinta”, detalla a subdirectora, que gaba o traballo de todo o persoal da biblioteca, que coa súa colaboración, asegura, fixo posible a celebración destas actividades.