A través dun experimento do grupo Oceanografía Biolóxica do CIM
Ciencia en equipo para entender o impacto humano no plancto da ría
Coa participación de persoal investigador da Linnaeus University, en Suecia
O grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo está a desenvolver un experimento colaborativo nas instalacións do mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, para analizar como os cambios na proporción de nitróxeno e fósforo nas augas costeiras poden modificar a composición e o funcionamento das comunidades de plancto microbiano, organismos fundamentais para a saúde dos ecosistemas mariños.
A investigación conta tamén coa participación de persoal investigador da Linnaeus University en Suecia, unha colaboración internacional consolidada ao longo dos anos e que volve poñer de manifesto a dimensión europea da investigación mariña que se realiza en Vigo.
Nove ecosistemas en miniatura
O estudo desenvolveuse en nove mesocosmos, grandes bolsas experimentais de arredor de 1500 litros que se encheron con auga da ría de Vigo. Nestes sistemas simúlanse varios escenarios con diferentes proporcións de nitróxeno e fósforo para observar como responden as comunidades de microorganismos mariños. “O que queremos ver é cómo a proporción na que aparecen dous nutrientes como o nitróxeno e o fósforo poden afectar á abundancia dos organismos, á súa actividade metabólica, á cantidade de biomasa que producen, á cantidade de nutrientes que consomen, etc.”, explica Emilio Marañón, investigador do Grupo de Oceanografía Biolóxica.
O plancto constitúe a base da cadea trófica mariña e é responsable da produción da biomasa que sustenta especies de interese pesqueiro e marisqueiro. Ademais, desempeña un papel esencial na captura de dióxido de carbono atmosférico mediante a fotosíntese, contribuíndo á regulación do clima.
As actividades humanas afectan o funcionamento do plancto da ría
As actividades humanas están a incrementar as achegas de nitróxeno ao medio mariño. Ao mesmo tempo, as concentracións de fósforo cambiaron nas últimas décadas debido a cambios no uso de determinados compostos industriais e domésticos. Estas alteracións poden modificar profundamente o funcionamento dos ecosistemas costeiros e, en consecuencia, afectar á produtividade mariña e aos servizos ecosistémicos dos que depende unha parte importante da sociedade.
Concretamente, Emilio Marañón indica que sen a presenza destes organismos non podería haber nin marisqueo nin pesca porque, coa enerxía da luz do sol, realizan a fotosíntese e sintetizan nova biomasa que é o alimento que sustenta todo o resto da rede trófica. Debido ás actividades humanas, sobre todo da agricultura ou a queima de combustibles fósiles, libérase nitróxeno ao medio ambiente. Coa choiva e o transporte polos ríos, ese nitróxeno vai ás augas costeiras. Debido a isto, a cantidade de nitróxeno nas augas costeiras está a aumentar co paso do tempo. Nesta liña, apunta que debe terse en conta que hai 30 ou 40 anos os ríos transportaban moito fósforo porque se utilizaban deterxentes con este composto. “Iso agora cambiou e estas cantidades foron diminuíndo, co cal a relación nitróxeno-fósforo pode verse afectada por esas actividades humanas e iso repercute no funcionamento do plancto”.
Do mesocosmos ao laboratorio
As mostras obtidas están a ser analizadas para determinar o consumo de nutrientes, a biomasa xerada e a composición das comunidades microbianas, o que permitirá avanzar no coñecemento dos procesos que regulan a produtividade mariña. O coordinador do Grupo de Oceanografía Biolóxica, Emilio Fernández, explicou que “no laboratorio analizamos os nutrientes que quedaron despois do consumo que realizaron os microorganismos, identificamos as especies presentes en cada mesosmos e a actividade que realizan, e determinamos a súa composición química”.
A investigación como espazo de encontro
Máis aló dos resultados científicos, esta actividade destaca tamén polo seu marcado carácter colaborativo. O experimento non está asociado a un proxecto concreto, senón que naceu por iniciativa do propio grupo coa intención de reunir a todo o persoal investigador arredor dun obxectivo común. “Este tipo de iniciativas permítennos fortalecer as relacións entre as diferentes liñas de investigación do grupo e desenvolver novas ideas científicas de maneira conxunta”, comenta Emilio Fernández.
De feito, o experimento implica a participación de investigadores e investigadoras de todas as áreas do grupo, converténdose nun exemplo de traballo colectivo e interdisciplinar. “Cumpre unha dobre función: por unha banda, unha finalidade estritamente científica e, por outra, un importante papel na cohesión do equipo. O grupo ten unha dimensión considerable e adoita traballar simultaneamente en catro ou cinco proxectos, o que fai que non todas as persoas participen en todos eles, o que, inevitablemente, xera dinámicas de traballo máis separadas. Iniciativas como esta permítennos compartir experiencias, reforzar a colaboración interna e crear espazos de encontro entre todo o persoal. Por iso, a nosa intención é seguir promovendo cada ano este tipo de actividades sempre que sexa posible”, avanzou Emilio Fernández.
