DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este programa de divulgación inclúe obradoiros para institutos e maiores e actividades na rúa

Ciencia escríbese con C de Cinbio

O día 14 de outubro terá lugar unha xornada de portas abertas no centro de investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/09/2022

O Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo está xa inmerso nunha nova edición da Ciencia con C de Cinbio, unha iniciativa que pretende abrir as portas do centro á sociedade e dar a coñecer o traballos que realizan os diferentes grupos de investigación que o conforman. Nesta segunda edición do programa inclúense feiras na rúa, xornadas de portas abertas ou actividades para instituto e para maiores de 65 de anos.

Levar a ciencia aos institutos

Un dos colectivos principais aos que se dirixen as actividades de divulgación sobre o proceso de xeración de coñecemento na investigación son os mozos e mozas. Para iso, deseñáronse unha serie obradoiros para diferentes idades que terán lugar entre o que resta deste mes de setembro e outubro en dez institutos da contorna de Vigo. A finalidade é achegar as liñas de investigación que se desenvolven no Cinbio ás aulas dunha maneira amena para espertar vocacións científicas entre o alumnado. Os centros educativos que estean interesados en acoller algún destes obradoiros pode solicitalos a través do correo cinbio.divulga@uvigo.es Ademais, entre todos os institutos participantes sortearase unha visita guiada ao Cinbio que se poderá relizar antes de finais do 2023. 

Actividades para maiores de 65

Outra das actividades programadas no marco de Ciencia con C de Cinbio é unha serie de obradoiros de divulgación científica para maiores de 65 anos bautizado como Autocoidado a conciencia. O programa comprende dous talleres, que terán lugar os días 3 e 4 de outubro, impartidos por El Telefonillo, un proxecto social dirixido a persoas sénior. Ademais, o programa inclúe unha visita guiada ao Cinbio prevista para o 7 de outubro, na que as e os participantes poderán realizar diversos experimentos sinxelos con alimentos, xabóns, cosméticos, etc. achegándose a través de experiencias prácticas ao traballo de investigación científica do Cinbio e fomentando tamén as relacións interxeracionais.  As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico a cinbio@uvigo.es.

A ciencia, a pé de rúa

Por outra banda, os días 7 e 10, o persoal do Cinbio instalará unha carpa a pé de rúa nas cidades de Vigo e Ourense respectivamente, na cal, en horario de tarde, a cidadanía poderá coñecer o traballo do Cinbio e participar en actividades como unha minixincana científica ou xogos de preguntas. En Vigo, o lugar escollido é a rúa Príncipe, á altura do museo Marco, mentres que en Ourense será na rúa do Paseo, en ambos casos en horario de 16.30h a 20.30h. Nestas carpas, o persoal do #teamCinbio informará sobre o traballo que se desenvolve no centro ás persoas que se acheguen, que tamén poderán participar nunha minixincana científica, en xogos de preguntas, etc. con diferentes agasallos. No caso de Ourense, tamén se poderán experimentos in situ.

O 14 de outubro abriranse as portas do Cinbio

Despois de levar a ciencia aos institutos e á rúa, o 14 de outubro será o propio Cinbio o que acolla as actividades, nunha xornada de portas abertas pensada para calquera tipo de público. Arredor de 70 persoas poderán visitar os distintos laboratorios e participar nalgúns experimentos organizados polas investigadoras e investigadores. A visita inclúe catering e unha pequena xincana científica e simultaneamente, tamén se gravará unha edición monográfica sobre o Cinbio no programa Efervesciencia da CRTVG ao que se poderá asistir como público. Nel participarán o director do centro, Miguel Correa, e científicas como Isabel Pastoriza, Verónica Salgueiriño, Diana Valverde e Marina Peña. 

En total ofértanse 75 prazas que se reparten en dúas modalidades de visita. A convencional e máis dinámica, para 50 persoas, percorrerá os laboratorios; unha segunda opción, para outras 25, inclúe visitas a menos laboratorios e asistencia ao programa radiofónico. Nos dous casos é preciso inscribirse previamente neste enlace para a visita e neste outro para a visita xunto coa asistencia ao programa de radio. As persoas seleccionaranse por orde de inscrición ata completar as prazas e recibirán un correo confirmando que foron seleccionadas uns días antes da visita.