Este venres presentáronse na UVigo os resultados do proxecto Renatur_Outes
A ciencia galega recupera o río Tins e convérteo en exemplo de restauración fluvial transferible ao conxunto de Galicia
Creáronse máis de 20.000 m2 de áreas verdes, restauráronse máis de 2km de leito fluvial...
Máis de 20.000 m2 de áreas verdes creadas ou restauradas; 2 km de leito fluvial restaurados; máis de 4 km de río limpo; 300 m2 de illas de biodiversidade xeradas; máis de 600 persoas participantes en accións de voluntariado ambiental... Estes son os grandes números do proxecto Renatur_Outes, unha iniciativa coordinada pola Fundación CEER e que implicou o traballo conxunto das tres universidades públicas galegas, o Concello de Outes e a Fundación Montescola co obxectivo de devolverlle ao río Tins, no coruñés Concello de Outes, o seu carácter natural, mellorando o bosque de ribeira no que se asenta e promovendo a biodiversidade da súa contorna. Estes venres presentáronse os resultados finais na Universidade de Vigo, convertendo a Facultade de Bioloxía en punto de encontro entre comunidade científica, administración local, entidades e cidadanía.
Deulles a benvida a decana do centro, Mercedes Gallardo, e o secretario do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, Castor Múñoz. Ambos fixeron fincapé na importancia dun proxecto que non só supuxo a recuperación do río, “guiada por criterios técnicos moi rigorosos”, senón tamén polo intenso proceso de implicación social que trouxo consigo, convertendo esta experiencia nun claro exemplo de restauración fluvial transferible a outros territorios.
Financiado cun millón de euros e axustado á realidade social
Subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia -fondos Next Generation-, a xornada de presentación de resultados levouse a cabo no marco do ciclo de presentacións que están a ter lugar nas tres universidades galegas. A primeira cita foi en Compostela o pasado venres e hoxe continuaron na UVigo cunha xornada técnica na que se presentaron os avances en biodiversidade e ecoloxía e se analizaron as diversas actuacións realizadas para a mellora da conectividade do leito fluvial, recuperación do bosque de ribeira e o control de especies invasoras como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia.
Tal e como se expuxo durante o encontro estas accións permitiron reducir a presión das invasoras e favorecer a rexeneración da vexetación autóctona de ribeira. A maiores, abordouse tamén a dimensión social do proxecto, explicando como ao longo destes anos se organizaron numerosas xornadas de voluntariado, actividades de educación ambiental e sesións de gobernanza para implicar á propia veciñanza de Outes. En total foron máis de 600 as persoas que participaron directamente en accións de voluntariado, e arredor de 800 as que tomaron parte en procesos de gobernanza e diálogo social vinculados á transformación do río, participación que foi fundamental para establecer prioridades e poder axustar as intervencións á realidade social do concello.
O labor da UVigo centrouse no control das especies vexetais invasoras e na recuperación da flora autóctona
A participación da Universidade de Vigo no proxecto Renatur_Outes artellouse a través do grupo de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas, ao que pertence o catedrático Luís González, coordinador deste proxecto na UVigo. El foi o encargado de explicar na xornada deste venres os traballos desenvoltos polo seu grupo, salientando que os esforzos se centraron no control de especies vexetais invasoras na contorna do río Tins e na recuperación da flora autóctona, como paso clave para avanzar na súa renaturalización.
Segundo foi expondo González, a primeira intervención consitiu na realización dunha mostraxe detallada das especies invasoras ao longo do curso fluvial, elaborando un mapa preciso de presencia, acompañado dunha lenda fotográfica das plantas identificadas. A partir deste traballo, redactáronse protocolos específicos de eliminación para as dez especies consideradas máis factibles de controlar, entre as numerosas invasoras detectadas. Avaliáronse, ademais, as modificacións producidas pola flora exótica sobre os solos a recuperar. En concreto, analizáronse os solos invadidos por Tradescantia fluminensis (orella de gato) non invadidos, facendo un seguimento dos recuperados para cuantificar o éxito da renaturalización na recuperación do solo.
Para favorecer accións positivas cara á flora autóctona do río, crear hábitos que favorezan o control de novas especies invasoras ou continuar o traballo realizado, no caso esperado de rebrotes, incidiuse especialmente no ámbito do coñecemento do medio e divulgativo. Nesta liña, para darlle ao proxecto un carácter de permanencia, máis alá da súa duración orzamentaria, desenvolvéronse diversos materiais para xestión directa do medio ou para que os responsables docentes do ensino primario e secundario dispuxesen de ferramentas para transmitir as conclusións e replicar as actividades realizadas ao longo dos anos. Creouse unha guía de especies vexetais invasoras con información sobre a súa orixe, distribución, descrición e métodos de control; outra guía centrada nas especies vexetais nativas, de carácter máis visual e ilustrada con fotografías en floración; e unha clave dicotómica de árbores pensada especialmente para actividades de campo co estudantado máis novo.
