DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Notable éxito da xornada de portas abertas no Centro de Investigación Mariña

Ciencia Singular achega o día a día do CIM a máis de 400 persoas

A vindeira cita do programa será o 19 e 20 de outubro co Cinbio como gran protagonista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI 08/10/2018

Máis de 400 persoas participaron este sábado nas primeiras actividades de Ciencia Singular, o programa de divulgación científica co que a Universidade busca dar a coñecer á sociedade o traballo levado a cabo nos tres centros singulares de investigación da universidade viguesa: o Centro de Investigación Mariña, CIM; o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic. 

O CIM foi o gran protagonista desta primeira xornada. Houbo viaxes en barco para coñecer algunhas particularidades da ría, ademais de obradoiros e visitas guiadas polas instalacións deste centro na Ecimat, Estación de Ciencias Mariñas de Toralla .  Foi un éxito rotundo de participación, xa que as 200 prazas para a actividade Embárcate co CIM enchéronse nun tempo récord, quedando máis de 250 persoas en lista de agarda. Pola súa banda, máis de 200 persoas participaron en Coñece ao CIM, actividade que non precisaba inscrición previa e a través da que a xente interesada foise achegando ata a illa de Toralla en seis quendas ao longo de todo o sábado.

O Cinbio sairá á rúa o 19 e 20 de outubro

Divulgando Ciencia Singular continuará co seu programa de actividades durante os meses de outubro e novembro. O vindeiro centro singular en acoller novas accións será Cinbio, que ademais de colocar carpas na rúa para ensinar á cidadanía o seu labor (19 de outubro na rúa Príncipe de Vigo e 20 de outubro no Paseo de Ourense), celebrará tamén unha xornada de portas abertas con varias charlas e talleres nas súas instalacións no campus de Vigo (26 de outubro) e no edificio Politécnico de Ourense (27 de outubro). O 9 de novembro será a quenda de atlanTTic, que realizará demostracións prácticas e pedagóxicas sobre o funcionamento das novas tecnoloxías da comunicación, como o recoñecemento biométrico (caras, emocións...) a través de imaxes de vídeo, a futura xeración da telefonía móbil ou 5G...

Todas as actividades do programa Divulgando Ciencia Singular son de carácter gratuíto e abertas a todo tipo de público. As persoas interesadas poden consultar na web www.cienciasingular.org a programación prevista e inscribirse naqueles actos que máis lle apetezan. Este programa está financiado pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia cofinanciada con fondos FEDER, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.