DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio do 81% dos votos emitidos na Xunta de Facultade

Ciencias Económicas e Empresarias elixe a Dolores Garza como nova decana

Lidera un equipo cen por cen feminino disposto a recuperar a harmonía interna no centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/10/2022

Dolores Garza Gil, catedrática do Departamento de Economía Aplicada, foi elixida este martes nova decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias co respaldo maioritario da Xunta de Facultade do centro. Estaban chamadas ás urnas 117 persoas -83 membros do Persoal Docente e Investigador, 21 estudantes e 13 integrantes do Persoal de Administración e Servizos- e emitíronse 79 votos: 64 a favor, catro en contra, dez brancos e un nulo.

Tras coñecerse os resultados e logo dun longo aplauso das persoas que asistiron á xuntanza no salón de actos do centro, a xa decana pronunciou unhas palabras nas que agradeceu a confianza depositada na súa candidatura. “Agardo non defraudarvos a ningún dos colectivos, nin ao estudantado, nin ao PAS nin ao PDI”, subliñou, ao tempo que agradeceu o traballo levado a cabo polos anteriores equipos directivos, tanto polo seu predecesor, o profesor Miguel Ángel Crespo, que exercía como decano en funcións desde hai case un ano por encargo do reitor Manuel Reigosa, como "do resto de decanos e decanas que levaron a facultade a ocupar o posto que hoxe ten". Neste sentido, Garza, que concorreu ás eleccións como única candidata, manifestou que agarda “contar coa colaboración de todos e cada un de vós. Isto é un traballo colectivo e así o entendemos todas as persoas que forman parte do meu equipo”.

1º equipo decanal integramente feminino

A facultade inicia así unha nova etapa na que, por primeira vez na súa historia, pasa a estar dirixida integramente por mulleres, pois, xunto a Garza Gil, completan o novo equipo directivo Ana de Prado, como secretaria; Eva Diz Comesaña, como vicedecana de Organización Académica; Mª Xosé Vázquez Rodríguez, como vicedecana de Calidade; Mª Carmen Otero Neira, como vicedecana de Relacións Internacionais, e Lucy Amigo Dobaño, como vicedecana de Relacións Institucionais.

“Previamente xa exerceran como decanas as profesoras Margarita Estévez e Pilar Cibrán, pero esta é a primeira vez que todos os integrantes do equipo decanal son mulleres”, salienta Garza, quen, por outra banda, resta importancia a esta cuestión. “Con independencia do xénero o importante é a capacidade de cada persoa e, neste sentido, todas elas teñen unha capacidade impresionante de traballo e involucración no colectivo da facultade”, resaltou a decana, quen admitiu que todas están desexando “pórse xa a traballar”.

Un programa de goberno vertebrado en tres eixes

Segundo a nova decana, o gran reto da facultade pasa nestes intres  “por recuperar a harmonía interna que dalgún xeito se perdeu”, en referencia ás eleccións ao decanato celebradas o 3 de novembro de 2021, cando o profesor Jorge Falagán, que optaba a un segundo mandato, non acadou os apoios necesarios para revalidar o cargo e declinou continuar como decano en funcións ata a celebración dun novo proceso electoral, o que obrigou ao equipo reitoral, en cumprimento do recollido no Regulamento Electoral Xeral da UVigo, a nomear como decano en funcións ao catedrático máis antigo do centro, neste caso o profesor Miguel Ángel Crespo. 

Nesta nova etapa coa profesora Dolores Garza como decana, as principais liñas de traballo organizaranse, segundo explicou, en tres niveis: a nivel interno da facultade, a nivel da Universidade e a nivel externo. A nivel interno, o novo equipo decanal tratará de crear un bo ambiente de traballo e de mellorar o proceso de toma de decisións, así como aumentar a lexitimidade e o respaldo nas decisións que se tomen, “sen esquecernos tampouco de intentar coordinar a oferta de títulos do centro buscando sinerxías entre todas as titulacións”. No caso das relacións co resto de centros da UVigo buscarase, segundo expuxo Garza, a participación activa na política universitaria, así como trasladar aos diferentes colectivos do centro os temas importantes tratados en foros e órganos universitarios que poidan afectar a esta facultade. A nivel externo, Garza comprometeuse a reforzar a relación coas facultades de Economía e Empresa do resto do Estado, a reforzar a relación coa sociedade e a potenciar e ampliar os contactos con universidades estranxeiras.

Coordinadora do grupo de investigación Erenea

A traxectoria investigadora da profesora Garza Gil está vinculada ao grupo de investigación Erenea (Economía dos Recursos Naturais e Ambientais), do que na actualidade exerce como coordinadora. Creado no ano 2004 como fusión de dous grupos de investigación xa existentes (Economía dos Recursos Naturais –Pesca– e Economía Ambiental aplicada ao mundo rural e aos espazos naturais), o ámbito de investigación deste equipo é extenso e engloba tres grandes áreas: Economía da Pesca, Economía Forestal e das Áreas Naturais e Valoración Económica de Externalidades Ambientais. 

Entre outras tarefas destacadas, Dolores Garza exerceu tamén como coordinadora do Comité Socioeconómico da candidatura Comité Científico da Candidatura illas Cíes Unesco.