DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres responsables e membros dos dous centro reuníronse no campus

Ciencias da Educación abre vías de colaboración co Centro de Investigación en Educación Básica de Bragança

Entre as liñas contempladas está o intercambio de alumnado e profesorado

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 21/09/2018

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este venres a visita dunha delegación do Centro de Investigación en Educación Básica do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal, que tivo como obxectivo a apertura de vías de colaboración entre as dúas entidades. A cita contou coa participación por parte do centro ourensán da súa decana, Mar García, e persoal docente e investigador. Por parte lusa, a delegación estivo encabezada pola coordinadora do centro, Cristina Mesquita, e completada polos seus membros María José Rodrigues e Mário Cardoso.

Durante o encontro, membros dun e doutro centro expuxeron liñas de investigación e proxectos nos que actualmente participan. “O noso desexo é abrir vías de colaboración en cuestións como o intercambio de alumnado e profesorado e a participación en proxectos actualmente en marcha ou futuros proxectos que poidamos realizar”, sinalou Mar García ao remate da reunión. Salientando o frutífero da reunión, Cristina Mesquita apuntou especificamente o interese do seu centro en participar no programa de doutoramento que imparte a facultade ourensá, xa que o centro luso non ofrece estes estudos de posgrao. “Escollemos achegarnos a esta facultade non só pola proximidade xeográfica senón tamén porque traballamos nas mesmas áreas, como educación infantil e primaria e educación social”, comentou a coordinadora lusa. Os temas abordados, sinalaron as responsables das dúas entidades, materializaranse nun convenio específicos de colaboración.