DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo do escritor Pablo Martín Sánchez e o adestrador Bruno García

Ciencias de Educación e do Deporte aborda, en dúas conferencias, os xogos lingüísticos e os sistemas nos deportes de equipo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/02/2022

Do potencial que teñen os xogos lingüísticos ou literarios como ferramenta didáctica a como establecer un modelo de xogo nos deportes colectivos. Nestes dous eidos puido afondar o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, nas dúas conferencias que o centro acolleu nesta xornada. Por unha banda, o escritor e tradutor Pablo Martín Sánchez presentou unha serie de xogos e retos que poderían empregarse, como sinalou, para “espertar afección pola lingua e a literatura” entre os escolares, partindo da experiencia do grupo OuLiPo, do que é o único representante español. Pouco despois, o ex-seleccionador de fútbol sala de Perú, Vietnam e Xapón, Bruno García, achegou, nunha segunda conferencia, a súa visión sobre como deseñar o modelo de xogo dun equipo en deportes colectivos. Designado neste 2022 como o cuarto mellor seleccionador de fútbol sala do mundo nos Futsalplanet Awards, García subliñou que ese modelo debe combinar unha “idea de xogo”, que debe manterse, con diferentes sistemas que poden ir adaptándose en función de múltiples variables.

Obstáculos que “favorecen a creatividade”

Escritor e tradutor, Pablo Martín Sánchez converteuse en 2014 no primeiro español en entrar a formar parte de OuLiPo (obradoiro de literatura potencial), un grupo fundado en Francia en 1960 e do que formaron parte escritores como Georges Perec, Italo Calvino ou Raymond Queneau. As “experiencias e a traxectoria” deste grupo, que ten como premisa central “utilizar o xogo lingüístico e literario para espertar a creatividade”, centraron unha conferencia promovida e presentada pola profesora Rexina Vega. Baixo o título de O xogo como ferramenta didáctica, esta actividade buscou en primeiro termo presentar aos e ás asistentes un grupo que, como explicou, “fundouse coa idea de unir literatura e matemáticas, arte e ciencia”. A súa traxectoria centrouse no establecemento do que chaman “constricións”, trabas, ou “pequenos obstáculos” que fixan como condicionantes á hora de escribir e que, apuntou, “paradoxalmente favorecen a creatividade ou a imaxinación en lugar de coartala ou obstaculizala”. 

Como exemplo, sinalou o libro L´Anomalie, coa que o actual presidente de OuLiPo, Hervé Le Tellier obtiña en 2020 o premio Goncourt, “o máis prestixioso da literatura francesa, cunha novela escrita con esta idea e que vendeu un millón de exemplares en Francia”. Tendo en conta ademais “que en España esta tendencia da literatura potencial entrou a través dos profesores de francés en secundaria”, Martín Sánchez completou esta exposición inicial propoñendo unha serie de “xogos lingüísticos e literarios, relativamente sinxelos” aos asistentes, coa idea de pór de relevo como esta proposta pode empregarse nos eidos da didáctica e da docencia. Profesor de escritura e autor, entre outros libros, de novelas como El anarquista que se llamaba como yo (Acantilado, 2012), recoñecida por El Cultural como mellor ópera prima do ano, Martín Sánchez buscou nese senso achegar unha serie de exemplos de condicionantes que poden ser adaptados en función das “necesidades docentes”, partindo dunha “concepción moi lúdica tanto da propia literatura como da propia ensinanza”, da idea de que “pódese aprender divertíndose e crear xogando”. 

Un modelo flexible, nacido dunha idea “que non podes cambiar”

Pouco despois visitaba a facultade o adestrador ferrolán Bruno García, quen, nunha actividade promovida polo profesor Pedro Vicente Vila e na que foi presentado polo decano, Óscar García, buscou achegar aos e ás asistentes a súa concepción do que é “un modelo de xogo”, centrado no fútbol sala pero aplicable tamén, sinalou, a moitos deportes de equipo. “O modelo de xogo é a idea que temos de como queremos xogar, a nosa idea como adestradores, xunto cos sistemas que escollemos para desenvolvela”, sinalou García, para quen é clave que esa idea “matriz”, que determina “por exemplo, se queres ser protagonista a través da posesión do balón”, se manteña, porque o contrario, subliñou, "para min é o principio do fin”. O que si ten que variar, explicou, é o segundo paso na construción dese modelo, que é a elección de sistemas “para que o xogador e o equipo teña solucións e pautas ante calquera situación que se atopa no xogo”. 

Eses sistemas, lembrou García, veñen determinados por “moitos factores”, desde polo perfil de xogadores e o tempo de adestramento, ata polos obxectivos do club e o “nivel de profesionalidade no que estamos traballando, incluso polo país”. Trátase dun “modelo flexible”, subliñou o conferenciante, que recoñeceu nese senso que “o meu modelo de xogo en Perú era diferente ao de Vietnam, ao de Xapón, ao de China ou ao dos seis clubs que adestrei en España”, aínda que “a miña idea como adestrador fose a mesma”. A partires dese modelo de xogo, así mesmo, debe establecerse “o modelo de adestramento”, que implica que desde o deseño dos sistemas de preparación ata as propias tarefas de cada sesión deben responder a ese modelo de xogo, partir desa idea que define “como quero xogar”. Neste punto, García subliñou que “como adestradores temos dúas grandes misións, crear ese modelo de xogo, analizando a parte teórica e moitos máis factores, e que deste emane un modelo de adestramento para que, a partir de aí, os xogadores o aprendan e o dominen, sobre todo no deporte de alto rendemento".