DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a docentes da facultade e centrado nos kits de robótica educativa de Lego

Ciencias da Educación e do Deporte acolle un seminario sobre o xogo como recurso didáctico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/10/2021

A idea do “xogo como unha maneira de ensinar” constitúe o eixo central do seminario de formación en robótica educativa aplicada que este luns impartiu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o formador certificado de Lego Education Manuel Valencia. Centrado en dous produtos de robótica educativa desta compañía, o Lego WeDo 2.0 e o Spike Prime, este seminario dirixido ao profesorado da facultade tiña como obxectivo achegar ás participantes unha serie de claves “sobre como utilizar estas ferramentas dentro da aula para que os alumnos aprendan matemáticas, lingua ou idiomas”, explicou Valencia.

Organizado polo Laboratorio de Novas Tecnoloxías da facultade, este seminario ía dirixido ás docentes das materias vinculadas coas novas tecnoloxías dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria e buscaba afondar nas posibilidades duns “recursos que están moi presentes nas aulas hoxe en día”, coa propósito de “poder formar ao noso alumnado nesa mesma liña”, salienta a profesora Esther Martínez. De feito, como explica a coordinadora deste seminario, financiado pola facultade e ao que asistiron tamén estudantes de doutoramento “que están centrando as súas teses na cultura maker, na robótica e nas disciplinas STEAM”, tratábase dunha “formación moi práctica e moi concreta”, que tiña por obxecto formar ás docentes da facultade no uso didáctico dos mesmos recursos de robótica que o alumnado da facultade ten a súa disposición nas aulas. 

Dividido en dous bloques, o seminario centrouse en primeiro termo nos materiais do WeDo 2.0, “pensado para os primeiros ciclos de primaria”, para logo deterse nas posibilidades do kit de robótica e programación Spike Prime, “que xa dispón de máis recursos e unha compoñente maior de complexidade”, o que permitiría, lembrou Valencia, o seu uso nos últimos cursos de primaria “e mesmo en secundaria”. En ambos casos, salientou este formador, o punto de partida era traballar “coas mesmas pezas de Lego coas que xogan os nenos e nenas na casa” e ás que se engaden unha serie de recursos en materia de programación. Nese senso, Valencia puxo de relevo que o obxectivo deste seminario non era afondar nas posibilidades destes materiais que para que os nenos e nenas se formen “exclusivamente en robótica ou programación”, senón en como empregalo como punto de partida de propostas didácticas que permitan, por exemplo, estimular o seu interese polas disciplinas STEAM. “O xogo é unha maneira de ensinar coa que consegues motivar aos rapaces a aprender, investigar, descubrir..., de tal xeito que, sen darse conta, van adquirindo eses coñecementos”, concluíu Valencia.