DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da presentación, este xoves 10, do libro ‘Educar para el siglo XXI’

Ciencias da Educación e do Deporte afondará nos cambios que a LOMLOE está a xerar no sistema educativo

Programouse un encontro co alumnado e outro con profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/03/2022

Os cambios que a LOMLOE, a Lei Orgánica que modifica a Lei Orgánica de Educación, supón en ámbitos como o deseño curricular ou o modelo de competencias serán analizados este xoves 10 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a través da presentación de Educar para el siglo XXI. Reformas y mejoras. La LOMLOE: de la norma al aula, un libro promovido polo grupo de docentes que integran o proxecto Atlántida e editado por Anaya. O obxectivo desta actividade, con inscrición previa por motivos da capacidade da sala, é presentar, tanto a profesorado en activo como aos futuros e futuras docentes que se forman na facultade, “o que vai supor a nova lei de educación nos curriculos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato e, sobre todo, visualizar a necesidade de cambios metodolóxicos como unha oportunidade para mellorar a educación”, salienta a representante do grupo Atlántida Teresa Domínguez.

Promovida por Anaya e o proxecto Atlántida, coa colaboración da facultade, esta presentación levarase a cabo en dúas sesións por motivos de capacidade da sala; a primeira ás 17.30 horas, dirixida ao alumnado e profesorado da facultade e. a segunda ás 19.00 horas, destinada a docentes e equipos directivos dos centros de ensino. Por mor da covid-19, explica Domínguez, que foi profesora asociada nesta facultade ata a súa xubilación, cada sesión contará cun acceso limitado a 50 persoas, sendo necesario realizar unha inscrición previa a través do seguinte enlace, e as e os inscritos recibirán unha copia do libro en formato dixital. As dúas presentacións contarán coas intervencións de Domínguez, que foi tamén directora do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres de Tui e Premio Nacional de Educación á Carreira Docente, e do pedagogo Florencio Luengo, responsable do proxecto Atlántida e un dos coordinadores do libro, que estarán acompañados por membros do equipo decanal e polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, así como por responsables da editorial Anaya en Galicia.

“Faremos un percorrido de hora e media sobre cales son os eixos vertebradores da LOMLOE”, sinala Domínguez dunha actividade que buscará abordar os cambios que implica nas diferentes etapas educativas, así como noutra serie de eidos como “a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 ou na visualización das desigualdades de xénero", á vez que se abordará tamén que implicarán os futuros reais decretos sobre os currículos educativos, dos que xa se coñecen os borradores. Nese senso, a tamén autora de dous dos seus capítulos sinala que o libro vai máis aló dos fundamentos teóricos para presentar tamén “o que se está facendo en moitos centros educativos, de Galicia e de España”, co propósito de incidir “na necesidade de desenvolver aprendizaxes competenciais” e de “alentar" tanto aos actuais como aos futuros e futuras docentes "a traballar dunha forma innovadora”.