DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de graduación conxunto do seus tres títulos de grao que celebrou no Pazo da Cultura

Ciencias da Educación e do Deporte despide 210 novos titulados e tituladas

Azucena Arias, Diana Rodríguez e Ezequiel Rey exerceron como madriñas e padriño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/06/2018

82 novos graduados e graduadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, 62 novas tituladas e tituladas en Educación Infantil e outras 62 graduadas e graduados en Educación Primaria encheron na tarde deste xoves, xunto as súas familias e docentes, o auditorio do Pazo da Cultura para celebrar o final da etapa formativa que nos últimos anos desenvolveron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nun acto que contou coa actuación do Coro do Campus, estes 210 novos titulados e tituladas, que integran a sexta promoción dos tres graos que se imparten nesta facultade, tiveron como madriñas e padriño ás profesoras Azucena Arias e Diana Rodríguez, no caso de Educación Primaria e Infantil, e Ezequiel Rey, no de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Os tres tiveron verbas de recoñecemento ao esforzo realizado polos novos egresados e egresadas nun acto que contou tamén coas intervencións do vicerreitor do campus, Jorge Soto; do decano, Vicente Romo, e da concelleira Pilar Comesaña, así como do representante do Colef, o Consejo General de Colegios Profesionales de la Educación Física y del Deporte Enrique Rodríguez. Tras felicitar aos novos titulados e tituladas e agradecer ás súas familias a confianza depositada no centro, Vicente Romo quixo situar a esta promoción ante algún dos “retos aos que se enfrontan”, desde a situación dos refuxiados ao cambio climático, “é que só se poden mellorar coa educación”, á vez que puxo en valor o deporte como “un dos fenómenos máis importantes do século XXI”, especialmente no referido a como este “pode mellorar os niveis de saúde da poboación”. Deste xeito, o decano puña de relevo o importante papel que poden xogar na sociedade as novas egresadas e egresados, aos que lembrou que na facultade “sempre terán a súa casa”.