Nun acto que combinou o recitado de poesías cun coloquio con dous poetas formados na UVigo
Ciencias da Educación e do Deporte festexa a capacidade creadora da comunidade universitaria
O campus acolle este xoves o acto institucional do Día das Letras Galegas
Baixo o título de Festexamos as letras, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte puxo en valor a capacidade creadora da comunidade universitaria nun acto que combinou o recitado de poemas, unha actuación musical e un coloquio con dous poetas formados no campus. Coordinado polas profesoras Ana Fernández Soneira e Ana Acuña e inserido nas iniciativas da Comisión PEA-Unesco deste centro, este evento sumábase ás iniciativas conmemorativas do Día das Letras Galegas que se suceden nestas xornadas. Entre elas, o acto institucional que a Universidade de Vigo celebrará este xoves 15, ás 12.00 horas, na Facultade de Comunicación e no que fará entrega tanto dos premios de poesía, relato curto e tradución da institución académica, como do distintivo de galeguización Gal Ego.
Ademais de sumarse á conmemoración do día grande da cultura e da lingua galega, o acto promovido pola Comisión PEA-Unesco buscaba tamén conectarse coa celebración, nos meses de marzo e abril, do Día Internacional da Poesía e do Día do Libro. “Festexamos a literatura, as persoas creadoras e as persoas lectoras”, sinalaba o texto de presentación desta actividade, na que “quixemos dar voz aos alumnos e exalumnos, poetas e narradores, que escriben e publican”, sinala Fernández Soneira. Con ese propósito, a primeira parte do acto foi un recital poético protagonizado por estudantes e persoal da Universidade, que en boa medida deron lectura a textos de creación propia. A continuación tivo lugar un coloquio con dous poetas formados no campus, o estudante de mestrado Ciro Briones e o egresado da Facultade de Comunicación Miguel Ángel Díaz. Esta conversa, apunta Fernández Soneira, tiña como obxectivo afondar na creación literaria tanto “como un proceso íntimo”, como desde a perspectiva dos procesos que implica “dala a coñecer”, a través da presentación a certames literarios ou da publicación dun libro.
Este acto abriuse coa actuación musical dun cuarteto integrado por catro estudantes da facultade, que realizaron un arranxo para pandeireta, trompa, violonchelo e trompeta dunha cantiga que a musicóloga Dorothé Schubart recolleu a Adolfina e Rosa Casás, dúas das cantareiras homenaxeadas neste 2025 no Día das Letras Galegas.
Actuación musical en Dirección e Xestión Pública
Tamén Dirección e Xestión Pública quixo conmemorar nesta xornada o Días das Letras Galegas, cun acto que tivo como protagonista á estudante Raquel García Bustos, responsable da actuación musical coa que a facultade se sumaba a esta celebración.